Bible App logo
Search Icon

Eclesiástico 21

21
Pecado e Sabedoría
1Se pecaches, meu fillo, non o fagas máis,
e pide perdón polas culpas pasadas;
2fuxe do pecado coma da cóbrega:
se te lle achegas, hate rillar,
os seus dentes son dentes de león
que tollen a vida dos homes.
3Toda transgresión é coma espada de dous fíos,
non ten cura a súa ferida.
4O terror e a violencia arrasan a facenda
e o casal do soberbio tamén será arrincado.
5O laio do pobre vai da súa boca ós oídos de Deus,
o seu veredicto chegará de súpeto.
6Quen refuga a corrección vai tralas pegadas do pecador,
mais quen teme ó Señor convértese de corazón.
7De lonxe descóbrese ó farfallán,
mais o asisado sabe cando esvara.
8Quen constrúe a súa casa co diñeiro doutros
é coma quen amorea pedras para o seu sartego.
9O fato dos impíos é un feixe de estopa
e o seu final, unha labarada.
10O carreiro dos pecadores está ben lousado,
mais remata no abismo do Xeol.
11O que garda a lei enxuga os seus instintos,
e o temor do Señor é o celme da Sabedoría.
O sabio e o necio
12Non se poderá instruír quen non sexa espelido,
se ben hai habelencia que enche de amargura.
13O saber do Sabio reborda coma a enxurrada,
o seu parecer é coma fonte viva.
14A mente do parvo é coma sella fendida:
non pode conter saber ningún.
15Se un home instruído escoita unha verba sabia
pode apreciala, e aínda lle engade do seu;
tamén a escoita o toleirán, mais búrlase dela
e bótaa ás costas.
16O relato do parvo é coma ter que facer camiño cun fardelo,
mais nos labios do intelixente atópase a graza.
17Na reunión procúrase o parecer do prudente,
as súas razóns darán en que matinar.
18Para o necio a Sabedoría é coma un casal arruinado,
a ciencia do home sen siso son verbas sen xeito nin dereito.
19A disciplina é para o parvo coma pexas nos pés,
coma ter encadeada a man dereita.
20O necio ri ás gargalladas,
o sabio sorrí polo baixo.
21Orla de ouro é a instrución para o asisado,
coma un brazalete no seu brazo dereito.
22AO pé do necio entra nunha casa ás présas,
bo home de boas maneiras agarda fóra.
23AO insensato desde a porta axexa a casa,
ba un home de mundo daríalle rubor.
24É de mal educado andar escoitando tralas portas,
para o prudente sería unha vergonza.
25Labios sen xeito argallan en cousas alleas,
mais as verbas dos prudentes sopésanse na balanza.
26Na boca teñen os parvos a súa mente,
na mente teñen os sabios a súa boca.
27Cando o impío maldí a Satanás
estase a maldicir a si mesmo.
28A si mesmo se lixa o murmurador
e aborréceno todos na bisbarra.

Currently Selected:

Eclesiástico 21: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in