Bible App logo
Search Icon

Eclesiástico 16

16
Deus xulga
1Non te deleites no bo parecer de mozos nugalláns
nin goces en ter fillos impíos:
2Aínda que fosen moitos, non te aledes neles
se lles falta o temor do Señor;
3non confíes en que estean vivos
nin esperes no seu porvir:
non van ter unha boa posteridade;
pois mellor é un que fai o seu debido ca non milleiros,
e morrer sen fillos mellor é que ter descendentes soberbios.
4Por un que tema a Deus xa se enche unha vila,
mentres un fato de perversos a arruína.
5Moitos casos semellantes teño eu visto
e o meu oído escoitou meirandes cousas:
6Contra unha morea de malvados foi prendido o lume,
contra unha nación impía alampou a ira;
7non deixou impunes os xigantes antigos
que se revolveron na súa arrogancia;
8nin perdoou os conveciños de Lot
ó se excederen con fachenda;
9tampouco houbo piedade para o pobo danado,
que foi desposuído pola súa culpa;
10tal aconteceu ós seiscentos mil de a pé
exterminados polo seu ánimo orgulloso,
11de xeito que aínda que fose un só o teimudo,
milagre sería que ficase impune.
Verdade é que nel van xuntas misericordia e carraxe,
e que transixe e perdoa,
mais sobre os pecadores bota o seu furor.
12Grande coma a súa compaixón é o seu castigo
e xulga a cadaquén de acordo cos seus feitos.
13Non fuxirá o malvado co seu furto
nin constantemente será o xusto privado da súa esperanza.
14-15Para quen faga esmola haberá premio
e cadaquén será tratado de acordo coas súas obras.
16As súas misericordias están á vista de todas as criaturas,
El reparte luz e tebra ós seres humanos.
Deus todo o ve
17Non digas: —"Escondinme de Deus,
quen se vai acordar de min alá arriba?
Entre tanta xente non me recoñecerán
que son eu entre tal multitude de persoas?
18Velaí os ceos e o máis alto dos ceos,
o océano e mais a terra:
cando descende para eles, tremen,
cando pasa revista, abanéanse.
19Tamén os raigaños dos montes e os alicerces do orbe
conmóvense cando Deus lles bota unha ollada.
20Pero en min non vai reparar,
quen descubrirá o meu proceder?
21Se peco, ninguén me verá
se minto ás furtadelas, quen o sabe?
22E quen lle vai ir contar as miñas boas obras?
Que esperanza vou ter se cumpro co debido?"
23Xente sen siso matina deste xeito,
tal é o pensar dos parvos.
Deus creador é quen xulga
24Escoitádeme e aprendede da miña discreción,
poñede atención nas miñas verbas;
25vou expoñer con tino o meu pensamento
e a dar razón con xusteza do que eu sei:
26Cando no comezo Deus creou as súas obras,
non ben existiron, distribuíulles os papeis;
27organizoulles para sempre as tarefas
e os seus elementos por xeracións.
Nin pasan fame nin cansan
nin fallan nos seus traballos,
28ningunha molesta á súa veciña
e endexamais non desobedecen o seu mandado.
29Despois ollou o Señor para a terra
e encheuna cos seus bens;
30cubriulle a faciana con toda caste de viventes
que a ela deberán volver.

Currently Selected:

Eclesiástico 16: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in