Eclesiástico 17
17
1Da terra creou o Señor ó home
e de novo faino volver a ela.
2Concedeulles días contados, un tempo xusto
e deixou no seu poder canto hai sobre ela,
3revestiunos dunha forza coma a súa
e fíxoos á súa imaxe,
4-5impuxo o temor do home en toda criatura
para que impoña o seu dominio nas bestas e nas aves.
6Dotounos de discernimento, lingua e ollos,
deulles oídos e unha mente para cavilar;
7encheunos de sabedoría e intelixencia,
mostroulles o ben e o mal;
8púxolles a súa luz nos corazóns
para lles amosar a magnitude das súas obras,
9de xeito que pregoen a grandeza dos seus feitos
10e loen o nome santo.
11Engadiulles a ciencia
e concedeulles en herdanza a lei da vida.
12Concluíu con eles unha alianza eterna
e deulles a coñecer as súas determinacións;
13cos propios ollos contemplaron a dimensión da súa gloria
e os seus oídos escoitaron a súa voz magnífica;
14e díxolles: —"Gardádevos de toda impiedade";
e deu a cadaquén mandatos verbo do seu próximo.
15-16A súa conduta tena sempre diante,
non se esconde ós seus ollos.
17-18A cada pobo púxolle un gobernante
mais Israel é a porción do Señor.
19Todas as súas accións son para El manifestas coma o sol
e os seus ollos pousan decote nos camiños deles,
20-21nin lle foxen as inxustizas que fan
e todos os seus pecados fican diante do Señor.
22A esmola que un home fai vale para El coma un selo
e o favor feito gárdao coma a propia pupila;
23erguerase polo tanto para recompensalos
e fará recaer sobre cadaquén o que lle cómpre.
24Os que se arrepintan permitiralles volver
e dará consolo ós que perdan a esperanza.
Chamada á conversión
25Volve ó Señor e deixa os pecados
prega diante del e reduce as caídas;
26torna para o Altísimo e afástate da inxustiza,
refuga con forte pulo a iniquidade;
27pois quen vai loar o Altísimo no Hades
igual que o fan os que viven confesándoo?
28Para un morto que xa non existe rematou a loanza;
é o vivo e quen ten saúde quen loa ó Señor.
29Que grande é a piedade do Señor
e o perdón para os que volven cara a El!
30Pois entre homes non todo é posible
xa que o ser humano non é inmortal.
31Que cousa hai máis resplandecente có sol?
Non obstante eclípsase.
32El é quen pasa revista ó exército das alturas do ceo
mentres que os homes todos son terra e cinsa.
Currently Selected:
Eclesiástico 17: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT