Bible App logo
Search Icon

Eclesiástico 15

15
1Deste xeito compórtase quen teme ó Señor
pois quen se aferra á lei, acádaa.
2Sairalle ó encontro coma unha nai
e acollerao coma a moza casada.
3Manterao co pan da prudencia,
daralle a beber auga de sinxeleza;
4se se apoia nela non abaneará,
afiuzará nela e non será confundido;
5soerguerao por riba dos seus compañeiros
para darlle a palabra no medio da asemblea;
6Atoparase co gozo e a ledicia,
ela procuraralle sona perdurable.
7Non se fan con ela os homes vans
nin a albiscarán os fachendosos;
8fica lonxe dos insensatos,
non se lembran dela os mentireiros.
9Non di ben a súa loanza na boca do perverso
pois Deus non lla concedeu.
10Pola boca do Sabio exprésase a súa loanza
e quen a domina, ensínaa.
O mal non vén de Deus
11Non digas: —"De Deus vén o meu pecado"
pois El non fai aquilo que aborrece.
12Nin digas: —"Foi El quen me fixo caer"
pois non ten El que ver cos pecadores.
13O Señor odia a maldade e a abominación
e non llelas propón ós que o temen.
14Desde o comezo Deus creou ó home
e deixouno á súa libre intención.
15Se ti queres, podes gardar o precepto,
facer a súa vontade é sinal de intelixencia.
16Puxo diante de ti o lume e mais a auga:
bota a man ó que prefiras.
17Diante de cada home están a vida e a morte:
o que anhele: iso daráselle;
18pois grande é a Sabedoría do Señor,
El é potente e egrexio e todo o dexerga.
19Os ollos de Deus contemplan as súas criaturas
e El penetra as accións de cadaquén.
20Non lle mandou ó home que pecase
nin deu pé ós homes falsos.

Currently Selected:

Eclesiástico 15: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in