Bible App logo
Search Icon

Eclesiástico 14

14
1Benia o home a quen non dá mágoa o que poida ter falado
e non xeme baixo o xuízo da súa conciencia.
2Benia o home a quen non lle faltan azos
nin o abandona a esperanza.
Cobiza e avaricia
3Ao mesquiño non lle convén a riqueza
nin ó cobizoso o ouro;
4quen o nega para si, apaña para outro;
dos seus bens gozará un estraño.
5Quen para si mesmo é duro, para quen será bo?,
se nin sequera el goza dos seus bens.
6Ninguén hai máis ruín có ruín consigo mesmo,
leva consigo a paga da súa maldade.
7Se fai un favor é sen se decatar
e ó cabo amosa a súa mesquindade.
8Mal home é o cobizoso
que volve a cara e despreza as vidas doutros.
9Para o ollo do avarento a súa parte sempre é pequena,
mais en tanto rouba a do veciño, perde a súa.
10O ollo do envexoso cobiza o pan,
en tanto, a súa mesa fica baleira.
11Meu fillo, se tes con que, aprovéitao;
se tes con que, trátate ben.
12Lembra que no Xeol non hai gozo
e que a morte non tarda
e que o momento fixado para ir á cova non cho dixeron.
13Antes de morreres trata ben ó amigo
e ofrécelle de acordo co que teñas.
14Non te prives da felicidade presente
nin deixes fuxir o anaco dunha arela lexítima.
15Non vas deixar a outro a túa facenda
e o froito dos teus traballos ós que fan as partillas?
16Dálle a teu irmán e queda ti mesmo satisfeito
pois en van procurarás praceres no Xeol.
17Toda carne se vai estragando coma un vestido
pois o decreto perenne é: "Tes de morrer".
18Como agroman as follas nunha árbore vizosa,
e mentres unha murcha outra abrocha,
do mesmo xeito as xeracións de carne e sangue:
cando unha acaba, nace outra.
19Así perecen todas as súas accións,
e as obras das súas mans seguirán despois del.
Feliz o Sabio
20Feliz o home que cavila na Sabedoría
e se considera da intelixencia,
21que pon a atención nos seus camiños
e medita nos seus vieiros,
22o que sae tras ela para axexala
e observa as súas cancelas;
23olla polas súas fiestras,
escoita nas súas portas,
24pon campo arredor do seu casal
e crava as estacas no seu muro;
25estende a súa tenda a carón dela,
abofé, deu con boa morada.
26Pousa o niño na súa fraga,
acouga nas súas pólas;
27repara da calor á súa sombra
e habita nos seus refuxios.

Currently Selected:

Eclesiástico 14: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in