Bible App logo
Search Icon

Eclesiástico 13

13
Diferenzas sociais: coidado co rico
1A quen toca o pez pégaselle a man,
quen se xunta co burlón aprende ó seu xeito.
2Non queiras erguer peso co que non podes
nin te asocies co máis rico ca ti,
non xuntes a cunca co pote:
se este peta nela, esnaquízaa;
do mesmo xeito non se dan xuntado rico e pobre.
3O rico asoballa e aínda por riba gábase,
o pobre é humillado e aínda pide desculpas.
4Mentres lle sexas útil, servirase de ti;
cando afrouxes, prescindirá de ti.
5Mentres teñas do teu, falarache composto,
mais empobrecerate sen chisco de remorso.
6Se lle cómpres, farache as beiras,
rirá contigo, darache esperanzas,
dirache falangueiro: —"De que tes necesidade?".
7Cos seus banquetes confundirate.
Mentres lle es de proveito, entrámpate;
por dúas ou tres veces meterache medo;
despois, cando te vexa, pasará de largo
e abaneará a cabeza en contra túa.
Caciques e mandados
8Gárdate de facer o fachendoso
para non semellares ós insensatos.
9Achégaseche un principal? — Ti afástate;
e canto máis, hate convidar.
10Non te aproximes para non seres apartado,
nin te arredes de xeito que te aborreza.
11Non ouses falarlle abertamente
nin deas creto ás súas moitas razóns,
pois os seus numerosos discursos son para probarte
e entre sorrisos anda examinándote.
12Cruel é quen goberna
e non se apiada da vida de moitos.
13Cóidate e está atento,
non fagas compaña a homes violentos.
14Se escoitas estas cousas en soños, esperta:
Ama o Señor durante toda a vida e invócao para que te salve.
Cuestión de feito: a irreconciabilidade
15Todo animal ama ós da súa caste
e así todo home ó seu semellante.
16Todo animal emparella cos da súa especie,
tamén o home se une á súa raza.
17Que é o que une ó lobo co año?
—O mesmo que une ó malvado co xusto.
18Como se van levar a hiena e mais o can?
—Pois tampouco haberá paz entre o rico e o pobre.
19A presa do león son os asnos da estepa
e o pasto do rico son os pobres.
20Para a soberbia a humildade é de aborrecer,
para o rico é de aborrecer o pobre.
21Cando o rico tropeza, ten apoio no amigo;
se abanea o pobre: empúxano de veciño en veciño.
22Discursea un rico: deféndeo unha morea de xente;
por máis que diga parvadas danse por boas.
Fala un pobre e berran: Veña, veña!;
xa pode ter razóns asisadas, que para el non hai posto.
23Un rico parola: faise silencio
e poñen polas nubes a súa discreción.
Fala o pobre e din: —"E quen será este?".
E se tropeza, aínda por riba o empuxan.
24É boa a riqueza cando é sen pecado
e a pobreza é ruín se a produce a soberbia.
Conciencia
25A conciencia do home trócalle a faciana,
sexa para ben, sexa para mal.
26Sinal de boa lei é un rostro ledo;
o xesto preocupado, sinal dun triste matinar.

Currently Selected:

Eclesiástico 13: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in