Bible App logo
Search Icon

Eclesiástico 12

12
Saber a quen se dá
1Se lle fas mal a quen é bo, a quen farás ben
de xeito que tires proveito do beneficio teu?
2Faille ben ó xusto e terás recompensa,
se non del, do Señor.
3Non hai proveito no acorrer o malvado
pois nin así dará esmola;
4Atoparás un mal dobrado cando peor che veña
por todo o ben que lle teñas feito.
5Non lle deas armas de guerra
para que non te ataque con elas,
6pois Deus en persoa rexeita os malvados
e volve sobre eles a vinganza.
7Dálle ó bo, négalle ó malvado,
axuda ó humilde, non lle deas ó fachendoso.
Desconfianza
8Non se recoñece un amigo na prosperidade
nin disimula un inimigo na desgraza.
9Cando un medra, mesmo o inimigo é compadre;
cando un vai mal, mesmo o veciño se afasta del.
10Endexamais non confíes no inimigo
porque a súa maldade enferruxa coma o bronce;
11por máis que te escoite e se porte mainiño,
ti vixía e ten reparo del;
fai coma se descubrises un segredo
e saberás onde ía dar o seu celo.
12Non o poñas á túa beira
para que non te chimpe e ocupe o teu posto;
non o deixes asentar á túa dereita
pois cobizará o teu asento;
daquela comprenderías as miñas razóns
e terías que xemer xunto comigo.
13Quen se apiada do encantador rillado
ou do que se achega á fera con dentes?
14Tal sucede co que se achega a home insolente
e se enguedella nas súas culpas.
15Mentres esteas de pé non deixa el ver quen é,
mais se tropezas non te manterá.
16O inimigo é todo dozura nos labios
mais no seu interior pensa en abismos profundos;
tamén pode o inimigo ter bágoas nos ollos,
mais, se atopa ocasión, non se dará farto de sangue;
17chégache unha desgraza: alí anda el,
semellando apoiarte porache un tropezo;
18despois, abanea a cabeza, bate coas mans
e todo é murmurar e demudar a face.

Currently Selected:

Eclesiástico 12: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in