Bible App logo
Search Icon

Eclesiástico 11

11
1A Sabedoría do pobre faille andar coa cabeza alta
e faino asentar entre os nobres.
Xuízo recto dos homes
2Non loes a un home pola súa beleza
nin o refugues por ser mal parecido.
3Ben pequena é a abella entre os volátiles
mais o seu froito é o produto máis exquisito.
4Non aldraxes a quen vai en farrapos
nin rías dos que sofren días tristes,
pois Iavé fai cousas sorprendentes
e o seu obrar fica escondido para o home.
5Moitos asoballados sentaron despois no trono,
xentes en quen ninguén pensaba cinguiron a diadema.
6Moitos homes importantes caeron moi baixo
e xente de prestixio foi entregada en mans alleas.
Sen présas, apúrate
7Non censures antes de te informares,
inquire primeiro e despois reprende.
8Meu fillo, non respondas antes de escoitares
e non interrompas no medio do discurso.
9Non te alporices polo que non che molesta
e non te entremetas no preito dos poderosos.
10Meu fillo, non acrecentes as túas preocupacións:
quen moito bole a facer fortuna non o fará sen culpa.
Meu fillo, se non espertas, non chegarás;
se non procuras, non atoparás.
11Hai quen se esforza, bole e corre
e con todo queda atrás.
12E hai quen é pobre e coitado,
falto de todo e cheo de miserias,
mais a ollada de Iavé obsérvao con favor
para erguelo da lama que o lixa.
13Alzalle a cabeza e exáltao
e moitos admíranse por causa del.
Nas mans de Deus
14Ben e mal, vida e morte,
pobreza e facenda, veñen do Señor;
15Sabedoría e prudencia e o saber falar
veñen do Señor.
O erro e os camiños rectos
veñen do Señor.
16A necidade e a tebra foron feitos para os pecadores
e a desfeita failles compaña ós malvados.
17A recompensa do xusto vén do Señor
e a súa benevolencia faino feliz para sempre.
Retribución e traballo
18Hai quen se enriquece pasando estreituras,
a quen sempre lle é pouco o que gaña,
19e cando di: —"Xa podo acougar,
agora vou comer do que gañei"
non se decata de cando será o día prefixado
no que teña que deixar o seu a outros e morrer.
20Meu fillo, mantente na túa tarefa e matina nela,
que poidas chegar a vello no teu labor.
21Non admires ós malvados;
afiúnza no Señor e agarda a súa luz
pois ben doado é ós ollos do Señor
enriquecer de súpeto a un pobre.
22A bendición do Señor é a partilla do xusto
no momento oportuno florecerá a súa esperanza.
23Non digas: —"Que proveito tirei de facer o meu traballo?
De que me serve agora?".
24Non digas: —"Teño o que me cómpre;
que mal me pode vir?".
25O ben dun día fai esquecer a desgraza,
o mal dun día fai esquecer a felicidade.
26Ben doado é para o Señor retribuír ó home
no día da súa morte segundo os seus feitos.
27Chega o tempo da desgraza e fai esquecer os goces:
é no remate cando un home amosa o que era.
28Non chames a ninguén feliz
antes de inquirilo con certeza,
pois é no remate cando se mostra se o era de certo.
Estraño no casal
29Non invites na túa casa a calquera
pois o moinante coñece moitos trucos;
coma gaiola chea de paxaros
así son eles por dentro, cheos de enganos.
30Coma ave pechada no cesto
é o corazón do soberbio
e coma un lobo axexando a presa.
Moitos son os pecados do tratante:
é coma un can a engulir facendas;
violentamente chega o intermediario
poñendo preitos sobre todos os bens.
Axexa o moinante coma un oso
o casal dos que o burlan
e procúrase unha fenda, como fan os espías.
31O calumniador troca o ben en mal;
atopa defectos no que ti máis aprecies.
32Cunha faísca multiplícanse as brasas
e o pérfido axexa para esparexer sangue.
33Fuxe do malo porque xera o mal
para que tes que levar unha chata permanente?
Non te xuntes co malvado para que non torza o teu camiño
e te afaste do teu compromiso.
34Tes de hóspede un estranxeiro?
Trocará os teus costumes
e estrañarate dos teus.

Currently Selected:

Eclesiástico 11: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in