Romanos 5
5
A SALVACIÓN
A salvación, efecto da xustificación
1Xustificados, logo, pola fe, estamos en paz con Deus, por medio do noso Señor Xesús Cristo. 2Por El temos tamén entrada a esta graza na que nos mantemos; e estamos orgullosos coa esperanza de lograr a gloria de Deus. 3E non só isto, senón que estamos orgullosos nas tribulacións, sabendo que a tribulación xera a paciencia, 4A paciencia proba a fidelidade e a fidelidade produce a esperanza. 5E a esperanza non falla, porque o amor de Deus vértese nos nosos corazóns mediante o Espírito Santo, que se nos deu.
6De certo, xusto cando nós aínda estabamos sen forzas, no tempo preciso, Cristo morreu polos impíos. 7Non é fácil, en verdade, que alguén queira morrer por un home xusto (aínda que por un home bo, quizais se atreva alguén a morrer); 8pero Deus demostrounos o seu amor no feito de que, sendo aínda nós pecadores, Cristo morreu por nós. 9Con máis razón logo, agora que xa estamos xustificados polo seu sangue, seremos por El salvos da ira. 10Porque, se cando eramos aínda inimigos, fomos reconciliados con Deus mediante a morte do seu Fillo, moito máis, xa reconciliados seremos salvos pola súa vida. 11Aínda máis: mesmo orgullosos estamos en Deus por medio do noso Señor Xesús Cristo, por quen agora recibimos a reconciliación.
Adam e Cristo
12Isto enténdese cun exemplo: o pecado entrou no mundo por un home só, pero como polo pecado entrou a morte, a morte pasou a todos os homes e, en consecuencia, todos quedaron incursos no pecado. 13Porque, de feito, antes da Lei había pecado no mundo; aínda que o pecado non se ten en conta cando non hai Lei; 14A pesar diso, a morte dominou desde Adam ata Moisés, mesmo sobre aqueles que non pecaron cunha transgresión semellante á de Adam. E Adam é unha figura arquetípica daquel que está para vir.
15Pero de ningún modo hai comparanza entre o delito e o don. Porque, se polo delito dun morreron todos os demais, moito máis polo favor dun home, Xesús Cristo, a graza e o don de Deus rebordaron sobre todos. 16Nin pasou co don o mesmo que coas consecuencias do pecado dun único home: porque o xuízo, partindo dunha soa transgresión, rematou en condena; en troques, o don, partindo de tantos delitos, rematou en absolución. 17Se, logo, pola transgresión dun home reinou a morte, e por culpa dun só, canto máis os que recibiron a abundancia da graza e do don da benevolencia reinarán na vida por medio dese un que é Xesús Cristo!
18Por tanto, como pola transgresión dun só veu a condenación sobre todos os homes, así tamén pola xustificación doutro só vén para todos os homes a xustificación que dá a vida. 19Como a desobediencia dun único home volveu pecadores a todos os homes, así tamén a obediencia dun só volveu xustos a todos. 20Porque a Lei entrou para que a transgresión abundase; pero onde abundou o pecado, sobreabundou a graza, 21para que, como reinou o pecado traendo a morte, así tamén a graza reinaría pola xustiza, que produce a vida eterna, por medio de Xesús Cristo noso Señor.
Currently Selected:
Romanos 5: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT