YouVersion Logo
Search Icon

Romanos 4

4
O exemplo de Abraham
1—Que diremos, entón, que conseguiu Abraham, o proxenitor da nosa estirpe? 2Porque, se Abraham foi xustificado polas obras, ten razón de se gabar.
Si, pero non diante de Deus. 3Porque que di a Escritura?: Fiouse Abraham en Deus e iso valeulle a xustificación. 4O traballador non se lle conta o xornal coma regalo, senón coma algo debido. 5En troques, ó que non traballa, pero que se fía daquel que xustifica ó impío, a súa fe válelle para xustificación. 6Xa David declara ditoso o home a quen Deus lle concede a xustiza sen as obras:
7Benia aqueles a quen se lles perdoaron as súas iniquidades,
ós que lles enterraron os seus pecados.
8Benia o home a quen o Señor
non lle ten en conta o pecado.
9Ora, esta benaventuranza tócalles só ós circuncisos ou tócalles tamén ós incircuncisos? Pois dicimos: A Abraham a fe valeu a xustificación. 10Pero como lle valeu? Estando na circuncisión ou na incircuncisión?
Non na circuncisión, senón na incircuncisión. 11E recibiu o sinal da circuncisión como marca da xustificación que recibira pola fe, estando aínda na incircuncisión. Desa maneira chegou a ser pai de todos os crentes incircuncisos, para que se lles conte coma xustificación; 12e pai tamén daqueles circuncisos que non só están circuncidados, senón que ademais seguen as pegadas da fe que o noso pai Abraham tivo antes de se circuncidar.
A promesa cúmprese por medio da fe
13Pois a promesa a Abraham ou á súa liñaxe, de que el herdaría o mundo, non se lle fixo pola Lei, senón pola xustificación da fe. 14Xa que se fosen herdeiros pola Lei, a fe quedaría baleira e a promesa non se cumpriría: 15porque a Lei o que fai é traer o ira, dado que onde non hai Lei, tampouco hai infracción.
16Por iso a promesa depende da fe, para que sexa por graza, e así se manteña firme para toda a liñaxe: non só para o que nace na Lei, senón tamén para o que nace pola fe de Abraham, 17conforme está escrito: púxente como pai de moitas nacións, el é pai de todos nós ante o Deus en quen el creu, o que fai vivir os mortos e que chama á existencia mesmo ás cousas que non existen.
18Contra toda esperanza el creu na esperanza e así chegou a ser pai de moitas nacións, como se lle dixera: así será a túa liñaxe. 19E non abalou na fe, aínda que ben vía que o seu corpo xa estaba morto tiña ó pé de cen anos e que morto estaba tamén o seo de Sara. 20Ante a promesa de Deus non dubidou por incredulidade, senón que se fortaleceu na fe, dando gloria a Deus, 21plenamente seguro de quen é poderoso para cumprir o que promete. 22Por iso valeulle a xustificación. 23Estas palabras non se escribiron soamente por el, 24senón tamén por nós. Pois tamén nos vai "valer" a nós que cremos naquel que resucitou dos mortos a Xesús, noso Señor, 25que foi entregado por culpa dos nosos pecados e foi resucitado por mor da nosa xustificación.

Currently Selected:

Romanos 4: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in