Romanos 13
13
Hai que obedecer as leis
1Sométase toda persoa ás autoridades constituídas. Pois non hai autoridade senón por disposición de Deus; e as que existen, instituíunas Deus. 2De xeito que quen se opón á autoridade oponse á disposición de Deus; e os que se opoñen buscan o propio castigo.
3A autoridade non pon medo cando se obra ben, senón cando se obra mal. Queres vivir sen medo á autoridade? Fai o ben, e terás a súa gabanza. 4Pois ela é para ti servidora de Deus para o ben. Mas se fas o mal, tenlle medo, porque non en balde leva a espada: ela é servidora de Deus, vingadora da súa ira contra o que practica o mal.
5Así, cómpre obedecer non só por medo ó castigo, senón por deber de conciencia. 6Por iso mesmo pagades os tributos, pois son funcionarios de Deus, decote dedicados a este oficio. 7Dádelle a cada un o que lle é debido: tributo, imposto, respecto ou honor, segundo o caso.
O amor fraterno
8A ninguén lle debades nada, fóra de amarvos uns a outros, porque o que ama o próximo, ten cumprida a Lei. 9Porque o non adulterarás, non matarás, non roubarás, non cobizarás e todos os outros mandamentos, resúmense nestas palabras: amarás ó teu próximo como a ti mesmo. 10Quen ama o seu próximo non lle fai mal. Verdadeiramente, o amor é o pleno cumprimento da Lei.
Vixilancia e pureza
11E con máis razón sabendo o tempo no que vivimos: xa é hora de que espertedes do sono, pois agora a salvación xa está mais cerca de nós que cando empezamos a crer. 12A noite vai andada, e o día está a chegar: rexeitemos as obras das tebras e vistamos as armas da luz. 13Coma en pleno día camiñemos decentemente, nada de lupandas nin borracheiras, nada de obscenidades nin libertinaxe, nada de liortas nin envexas. 14En lugar diso vestídevos do Señor Xesús Cristo, e non lles fagades caso ós baixos apetitos.
Currently Selected:
Romanos 13: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT