YouVersion Logo
Search Icon

Romanos 14

14
Non se pode xulgar os irmáns
1A quen ten a fe débil, acollédeo sen criticar opinións. 2Hai quen cre poder comer de todo, pero o feble non come máis ca verduras. 3O que come, non desprece ó que non come; e o que non come, non condene ó que come, pois tamén a este o acolle Deus. 4Quen es ti para xulgar o criado alleo? Que siga en pé ou que caia, é cousa do seu Señor. Pero seguro que seguirá en pé, porque o Señor ten forza para o manter dereito. 5Hai quen dá máis importancia a un día ca a outro; en troques, outro considera todos os días igual. Que cadaquén obre por plena convicción.
6Quen garda un día gárdao para o Señor; quen come de todo faino polo Señor e dálle grazas a Deus; e quen non come tamén o fai polo Señor e, a proba é que tamén lle dá grazas a Deus. 7Ningún de nós vive para si, e ningún de nós morre para si. 8Se vivimos, para o Señor vivimos; e, se morremos, para o Señor morremos; así que, vivamos ou morramos, somos do Señor. 9Por iso mesmo morreu e resucitou Cristo: para ser dono dos mortos e dos vivos.
10E ti por que xulgas a teu irmán? E ti por que desprezas a teu irmán? Se todos temos que comparecer diante do tribunal de Deus! 11Porque está escrito:
Pola miña vida, di o Señor:
todo xeonllo se dobrará diante de min,
e toda lingua ha de confesar a Deus.
Evitar o escándalo dos irmáns
12Por tanto cada un de nós dará conta de si a Deus. 13Non nos xulguemos uns a outros, mais ben coidade de non lle pór ó irmán nin tropezo nin escándalo. 14Sei e estou seguro no Señor Xesús que non hai cousa impura de seu. As cousas son impuras para quen as ten por impuras. 15Polo tanto, se por causa de comeres unha determinada comida se entristece o teu irmán, xa non te portas con caridade. Que por culpa da túa comida non pereza alguén por quen Cristo morreu. 16Que o que é ben para vós non sexa ocasión de maledicencia. 17Pois o Reino de Deus non é comida nin bebida, senón xustiza, paz e alegría no Espírito Santo. 18Quen nisto serve a Cristo é agradable a Deus e considerado polos homes.
19Procuremos, logo, aquilo que leva á paz e á mutua edificación. 20Por unha cuestión de comida non destrúas a obra de Deus. Todo é certamente puro, pero está mal comer causando escándalo a outros. 21É mellor non comer carne nin beber viño nin nada, se iso fai tropezar a teu irmán. 22A convicción que ti tes, gárdaa para ti diante de Deus. Benia quen toma a súa decisión sen complexos de culpabilidade! 23Pero o que ten dúbidas, condénase se come, porque non o fai con boa conciencia, e todo canto non se fai con boa conciencia é pecado.

Currently Selected:

Romanos 14: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in