YouVersion Logo
Search Icon

Romanos 12

12
A VIDA CRISTIÁ
A nova vida en Cristo
1Rógovos, logo, irmáns, pola misericordia de Deus, que ofrezades os vosos corpos coma sacrificio vivo, santo, grato a Deus: coma o voso culto espiritual. 2E non vos axustedes ó mundo presente. Transformádevos, máis ben, pola renovación da mente, para que poidades coñecer cal é a vontade de Deus: o bo, o que lle agrada, o perfecto.
3En virtude da graza que se me deu, dígovos, por tanto, a todos e a cada un de vós: que ninguén se teña por máis do que convén, senón que un se teña no que se debe ter, conforme á medida da fe que Deus lle deu a cadaquén.
4De igual xeito que nun só corpo temos moitos membros, e non todos os membros teñen a mesma función, 5Así nós, con sermos moitos, somos un só corpo en Cristo; e individualmente somos membros uns dos outros. 6Pero, ó termos dons diferentes, hanse exercer conforme á graza que se nos concedeu: se temos don de profecía, debe ser en harmonía coa fe; 7se de ministerio, no servizo; se de ensinanza, no ensino; 8se de consolación, no conforto; se de dar esmola, con xenerosidade; o que preside, con solicitude; o que se compadece, con alegría.
Leis da vida cristiá
9Que o amor non sexa finxido: afastádevos do mal e apegádevos ó ben: 10sede cariñosos uns cos outros, coma irmáns; competide na estima mutua; 11no traballo non teñades preguiza; no espírito, afervoados; para o Señor, coma escravos. 12Alegres na esperanza, con constancia no sufrimento, afincados na oración; 13solidarios nas necesidades dos santos e practicando a hospitalidade.
14Bendicide ós que vos perseguen, bendicide e non maldigades. 15Alegrádevos cos que están alegres, chorade cos que choran. 16Tédevos na mesma estima uns a outros: non vos deades aires de grandeza, senón acomodádevos ós humildes. Non vos teñades por moi sabidos.
17Non volvades mal por mal a ninguén: que todo o mundo vexa que procurades o ben. 18No posible, en canto dependa de vós, mantede a paz con todos os homes. 19Meus queridos amigos, non tomedes por vós mesmos a vinganza; deixade máis ben que actúe a ira de Deus, pois está escrito: miña é a vinganza, eu darei o merecido, di o Señor. 20Pero se o teu inimigo ten fame, dálle de comer; se ten sede, dálle de beber: obrando así, amoreas brasas acesas enriba da súa cabeza. 21Non te deixes vencer polo mal, senón vence o mal a forza de ben.

Currently Selected:

Romanos 12: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in