Romanos 11
11
En Israel Deus reservou un "resto"
1Pero entón pregunto: e non será que Deus rexeitou ó seu pobo?
De ningunha maneira. Pois tamén eu son israelita, da proxenie de Abraham, pola tribo de Benxamín: 2non rexeitou Deus ó seu pobo, o pobo que El escolleu. Ou é que non sabedes o que di a Escritura na historia de Elías? Como interpela a Deus en contra de Israel: 3Señor, mataron ós teus profetas, desfixeron os teus altares; quedei eu soamente, e aínda buscan a miña vida. 4Pero que lle responde a voz divina?: Reservei para min sete mil homes, que non dobraron o xeonllo perante Baal.
5Da mesma maneira, tamén neste intre de agora, reservou un resto elixido por pura graza. 6Ora, se foi por graza, non foi polas obras; outramente a graza xa non sería graza.
7Entón que? Que Israel non logrou o que andaba a buscar, mentres que o lograron os elixidos. Os demais endurecéronse, 8como está escrito:
Deulles Deus un espírito
aparvado, ollos para non veren e oídos para non oíren,
ata o día de hoxe.
9E David di:
Tróquese a súa mesa en gaiola e mais en rede,
en tropezo e mais en castigo para eles.
10Entebrezan os seus ollos para non veren.
Dóbrelles o lombo para sempre.
A salvación dos xentís
11Sigo preguntando: E eles tropezaron para non se ergueren máis? De ningunha maneira. O contrario, pola súa caída veulles a salvación ós xentís, a fin de espertar neles os celos. 12Ora, se a súa caída foi riqueza do mundo e a súa perda foi riqueza dos xentís, que non será a súa plenitude?
13Isto dígovolo a vós, os xentís. E, coma apóstolo que son dos xentís, fago gala deste ministerio, 14por ver se esperto celos nos da miña xente e podo así salvar a algúns deles. 15Se a súa reprobación foi reconciliación do mundo, que será a súa acollida, senón unha auténtica vida, que xorde de entre os mortos?
16Se as primicias son santas, tamén o será a masa restante; e se a raíz é santa, tamén o serán as pólas. 17Esgallaron algunhas das pólas e a ti (que es unha oliveira brava) enxertáronte nelas e fixécheste participante da raíz e do zume da oliveira. 18Non te gabes de ser máis cás pólas. Se te pos por máis, pensa que non es ti quen leva á raíz, senón a raíz a ti.
19Poida que digas: esgallaron as pólas precisamente para me enxertaren a min. 20De acordo: esgalláronas pola incredulidade e ti, en troques, pola fe manteste en pé. Pero non te enchas de fachenda e anda con moito ollo. 21Que se Deus non perdoou as pólas naturais, vaite perdoar a ti?
22Considera a bondade e a severidade de Deus: para os que caeron, severidade; en troques, para ti a bondade de Deus, con tal de que permanezas nesa bondade; do contrario, tamén a ti te esgallará. 23E o mesmo eles; se non se afincan na incredulidade, reenxertarvos, porque Deus é poderoso para os volver enxertar.
24Pois se a ti te tallaron da túa nativa oliveira brava e contra a natureza prendiches nunha boa oliveira, canto mellor agromarán eles na oliveira da súa mesma caste!
Restauración de Israel
25Non quero, irmáns, que descoñezades este misterio, a fin de que non vos fiedes da vosa sabedoría: que a cegueira dunha parte dos israelitas vai durar ata que entre a totalidade dos xentís 26E así salvarase a totalidade de Israel, como está escrito:
Sairá de Sión o Salvador,
afastará de Xacob a impiedade,
27e este será o meu pacto con eles,
cando lles arrinque os seus pecados.
28Tocante ó Evanxeo, son inimigos en proveito voso; pero tocante á elección, son amados por causa dos patriarcas. 29Pois os dons e a chamada de Deus son irrevogables. 30Porque vós fostes noutrora desobedientes a Deus, pero agora conseguistes a misericordia por desobediencia deles. 31Do mesmo xeito: tamén eles agora non creron, para que, con ocasión da misericordia usada convosco, tamén eles logren misericordia. 32Por—que Deus encerrou a todos os homes na desobediencia, para se compadecer de todos.
33Que fondos son a riqueza, a sabedoría e o coñecemento de Deus! Que inescrutables son os seus xuízos e inexplorables os seus camiños! 34Pois quen coñeceu a mente do Señor? Ou quen foi o seu conselleiro? 35Quen lle emprestou algo, para que El llo teña que devolver? 36Del saíron, por El e para El existen todas as cousas. A El a gloria polos séculos. Amén.
Currently Selected:
Romanos 11: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT