YouVersion Logo
Search Icon

Feitos 28

28
Paulo cos navegantes na illa de Malta
1Xa a salvo en terra, soubemos que a illa se chamaba Malta. 2Os nativos tratáronos cunha humanidade pouco corrente: acenderon un lume e acolléronnos a todos, pois chovía e ía frío.
3Paulo xuntara algúns guizos de leña secos e ó botalos no lume, unha víbora que fuxía da calor enroscóuselle na man. 4Can-do os indíxenas viron o animal pendurado na man dicían entre eles: "seguro que este home é un asasino: despois de se salvar do mar, a xustiza divina non o deixa vivir". 5Pero el botou o animal no lume e non sufriu mal ningún.
6Eles esperaban velo inchar ou caer morto de súpeto, pero logo de moito agardar, vendo que non lle pasaba nada novo, cambiaron de parecer e xa dicían que tiña que ser un deus.
7Nas proximidades de alí por aquela parte tiña unha propiedade o gobernador da illa, que se chamaba Publio, quen nos recibiu e nos hospedou amablemente durante tres días. 8Cadrou que o pai de Publio estaba encamado con febre e disentería. Paulo foino ver, rezou, impúxolle as mans e curou. 9A consecuencia disto, comezaron a vir tamén os outros enfermos que había na illa e quedaban curados. 10Eles, pola súa banda, enchéronnos de atencións e, cando decidimos partir, déronnos de todo.
Proseguen a viaxe a Roma
11Tres meses despois embarcamos nun barco de Alexandría, que invernara na illa e que levaba a divisa dos Dióscuros. 12Atracamos en Siracusa, onde botamos tres días. 13Desde alí, costeando, chegamos a Rexio. Para o outro día levantouse o vento do sur e en dous días chegamos a Putéoli, 14onde atopamos irmáns que nos convidaron a pasar sete días con eles. E así chegamos a Roma. 15Os irmáns de alí, así que souberon de nós, viñéronnos recibir ata Foro Apio e Tres Tabernas. Paulo, ó velos, deu grazas a Deus e animouse.
Paulo entrevístase cos xudeus de Roma
16Cando entramos en Roma, a Paulo autorizárono a ter domicilio particular cun soldado que o vixiaba.
17Tres días despois, convocou os principais dos xudeus. Cando se reuniron, díxolles:
Irmáns, sen ter feito nada contra o pobo nin contra os costumes paternos, entregáronme preso ós romanos en Xerusalén. 18Estes, logo de me interrogaren, queríanme ceibar, porque non había nada en min que merecese a morte. 19Pero, como os xudeus se opuñan, vinme obrigado a apelar ó César, sen pretender acusar en nada ó meu pobo. 20Por este motivo pedín vervos e falarvos, pois é pola esperanza de Israel que levo esta cadea.
21Eles dixéronlle:
Non recibimos de Xudea ningunha carta sobre ti e ningún dos teus irmáns que chegou nos falou mal de ti. 22Pero si que nos gustaría sentir pola túa boca o que pensas, pois o que sabemos é que esa seita encontra oposición en todas as partes.
23Citáronse para un día e viñérono ver á súa casa bastantes máis. El comezou a súa exposición e daba testemuño do Reino de Deus, tentando de os convencer de quen era Xesús, partindo da Lei de Moisés e dos Profetas, desde a mañá á noite. 24Uns deixáronse convencer polo que dicía, pero outros non crían.
25Estando en desacordo uns cos outros, comezaban a separarse cando Paulo engadiu esta palabra final:
Con razón díxolles o Espírito Santo a vosos pais, por medio do profeta Isaías, 26dicindo:
Vai e dille a ese pobo:
escoitar escoitaredes, pero non comprenderedes,
ollar ollaredes, pero non veredes;
27porque está endurecido o corazón deste pobo;
fixéronse duros de oído
e pecharon os ollos:
non fose que visen cos ollos,
sentisen cos oídos,
entendesen coa intelixencia
e se convertesen, para que eu os cure.
28-29Sabede, logo, que esta salvación de Deus ofrécese ós pagáns, e eles si que escoitarán.
Actividade de Paulo en Roma
30Paulo botou dous anos enteiros nunha casa alugada e recibía a todos os que o viñan visitar, 31predicando o Reino de Deus e ensinando o que se refire ó Señor Xesús Cristo, con audacia e sen impedimento ningún.

Currently Selected:

Feitos 28: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in