YouVersion Logo
Search Icon

Apocalipse 19

19
Loas a Deus pola caída de Babilonia
1Despois disto oín no ceo coma unha forte voz dunha gran multitude, que dicía:
"Aleluia!
A salvación, a gloria e o poder son do noso Deus,
2porque verdadeiras e xustas son as súas sentencias.
El condenou a gran Prostituta,
que coa súa prostitución corrompeu o mundo,
El vingou o sangue dos seus servos,
que ela tiña no seu poder".
3Logo repetiron:
"Aleluia!
O fume do seu castigo sobe por todos os séculos".
4Entón os vinte e catro anciáns e os catro animais prostráronse para adoraren a Deus, que se sentaba no trono, e dicían:
"Amén! Aleluia!"
Canto ás vodas do Año e conclusión
5E do trono saíu un berro que dicía:
"Loade o noso Deus,
todos os seus servidores;
tamén os que o respectades,
pequenos e grandes!"
6Logo oín algo coma o algareo dunha gran multitude, coma o ruxido das augas abundantes e coma o estrondo dun forte trono, que dicía:
"Aleluia!
Porque comeza o Reino do Señor,
o noso Deus, que todo o sostén.
7Alegrémonos e relouquemos
e glorifiquémolo,
porque chegaron as vodas do Año,
e a súa esposa xa se preparou.
8Concedéuselle vestir de liño fino, ben curado e limpo, pois o liño fino son as obras boas do pobo santo".
9Logo o anxo díxome: "Escribe: Benia os que están convidados ó xantar das vodas do Año!". E volveume dicir: "Estas son cousas verdadeiramente propias de Deus". 10Boteime ós seus pés para o adorar; pero el díxome: "Non, non o fagas! Son un servo de Deus igual ca ti e cós teus irmáns, que manteñen o testemuño de Xesús. Adora a Deus, que dar testemuño de Xesús é ter espírito profético".
VITORIA DEFINITIVA DO AÑO
Visión do Verbo de Deus
11Despois vin o ceo aberto. E apareceu un cabalo branco; o cabaleiro que o monta chámase Fiel e Verdadeiro, xulga e loita con xustiza. 12Ten os ollos coma chamas de lume, na cabeza ten moitas diademas; e escrito un nome que ninguén coñece, fóra del mesmo. 13Leva posto un manto tinxido de sangue e o seu nome é "Palabra de Deus". 14Os exércitos celestes, vestidos de ben curado liño branco, van tras el en cabalos brancos. 15Da boca sáelle unha espada ben afiada, para ferir con ela os xentís: ha de os rexer cun caxato de ferro e pisa a moxega do viño rabioso da ira de Deus, que todo o sostén. 16Ten escrito no seu manto e na súa coxa un nome: "Rei de reis e Señor de señores".
Visión da vitoria do Verbo sobre a besta e os reis
17Logo tiven unha visión e vin un anxo de pé no sol. A grandes berros chamou por todos os paxaros que voan polo medio do ceo, dicíndolles: "Vide aquí, xuntádevos para o gran banquete de Deus! 18Para comer a carne de reis, de xenerais, de valentes, de cabalos e de cabaleiros; carne de todos os homes: libres e escravos, de pequenos e de grandes". 19Logo vin que a besta, os reis do mundo e mais os seus exércitos se xuntaban para faceren a guerra contra o cabaleiro do cabalo e contra o seu exército. 20Colleron presos a besta e mais o falso profeta que estaba con ela: o que fixo os prodixios, cos que descamiñou ós que recibiron a marca da besta e adornaron a súa imaxe; botáronos vivos ós dous na lagoa de xofre ardendo. 21Os outros matáronos coa espada que saía da boca do cabaleiro que ía montado de a cabalo. Todos os paxaros quedaron fartos da súa carne.

Currently Selected:

Apocalipse 19: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in