Apocalipse 18
18
Primeiro anuncio da caída de Babilonia
1Despois disto vin outro anxo baixar do ceo. Tiña gran poder e a terra quedou iluminada coa súa gloria. 2Berrou con voz poderosa:
"Caeu, caeu Babilonia, a grande,
volveuse morada de demos,
cova de todo espírito impuro,
niño de todo paxaro impuro e noxento.
3Porque do viño rabioso da súa prostitución
beberon todas as nacións,
e os reis da terra andaron a fornicar con ela,
e co exceso do seu luxo enriquecéronse os traficantes da terra".
Segundo anuncio da caída de Babilonia e laio por ela
4Logo oín outra voz que viña do ceo e dicía:
"Saíde dela, meu pobo,
para non terdes parte nos seus pecados,
e para que non vos toquen
os seus castigos.
5Os seus pecados fóronse amoreando ata o ceo,
e Deus recordou as súas iniquidades.
6Pagádelle coa mesma moeda que ela pagou;
aínda mais, dobrádelle as que ela fixo:
coa cunca onde ela remexeu a mestura, remexédelle o dobre para ela;
7canta gloria e praceres ela tivo,
dádelle outro tanto en tormentos e loito.
Porque ela di para si:
Estou sentada nun trono de raíña,
e nin estou viúva,
nin verei o loito.
8Por isto nun único día
hanlle vir as súas pragas:
peste, desgraza e fame,
e volverase cinsa no lume,
porque poderoso é o Señor, o Deus que a condena".
9Chorarán e botarán as mans á cabeza os reis da terra, os que practicaron a prostitución con ela e que se encheron de pecar con ela, cando vexan o fume da súa queima. 10Desde lonxe e de pé por medo ó seu castigo, dirán:
"Pobre, pobre da gran cidade de Babilonia!,
Pobre Babilonia, cidade poderosa!
Que logo chegou a túa condenación!".
11Tamén choran e fan o pranto por ela os traficantes do mundo, porque xa ninguén lle compra a súa mercadoría: 12A carga de ouro e de prata, de pedras preciosas e perlas, de liño puro, de púrpura, de seda e de escarlata; de todas as madeiras nobres; de todos os obxectos de marfil e de pedras preciosas, de bronce, de ferro e de mármore; 13As cargas de canela e de perfumadas unturas, de pos perfumados, de mirra, de incenso, de viño, de aceite, de flor de fariña e de trigo, rabaños de vacas e ovellas, cabalos, carros, escravos e homes para a venda.
14Os froitos maduros da túa cobiza
fuxiron de ti.
E todo o ben cebado e brillante perdeuse para ti,
e xa non volverá endexamais.
15Os traficantes destas cousas, que se enriqueceron a costa dela, estarán de pé desde lonxe, por medo ó seu castigo. Chorando e laiando 16dirán:
"Ai! Pobre gran cidade
vestida de liño fino,
de púrpura e escarlata,
adornada de ouro,
de pedras preciosas e de perlas!
17Porque nun virar da man quedou erma tanta riqueza".
E todos os patróns e pasaxeiros que navegan, os mariñeiros e cantos traballan no mar, quedaron de pé, desde lonxe; 18e, mirando para o fume da queima, comezaron a berrar, dicindo: "Que cidade houbo semellante á gran cidade?" 19Logo, botaron terra nas súas cabezas e, entre choros e laios, berraron:
"Ai! Pobre gran cidade
coa que se fixeron ricos todos os que teñen barcos no mar, á costa da súa fartura!
Nun virar da man quedou erma.
20Alégrate, ceo, por causa dela!
E vós, os santos, os apóstolos e os profetas, alegrádevos!
Porque Deus volveu contra ela a sentencia que un día ela lanzara contra vós".
Símbolo profético da caída de Babilonia
21Entón un anxo forte ergueu unha pedra coma unha grande moa de muíño e botouna no mar dicindo:
"Con forza coma esta han botar
a Babilonia, a gran cidade,
e non a atoparán máis.
22A música dos citaristas e dos músicos,
a melodía dos frautistas e dos trompetistas
xa non se oirá máis en ti;
e artesán ningún, de calquera oficio que for,
non o haberá máis en ti;
e o ruído da moa do muíño
non se volverá sentir máis en ti;
23e a luz do farol
non volverá brillar máis en ti,
e as palabras amorosas do esposo e da esposa
non se oirán máis en ti:
Porque, sendo os teus traficantes os máis grandes de todo o mundo,
todas as xentes se perderon coas túas bruxerías;
24e en ti atopouse sangue dos profetas e do pobo santo,
e o de todos os que foron inmolados no mundo".
Currently Selected:
Apocalipse 18: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT