Salmos 5
5
Os que agardan xustiza
1Do mestre do coro, con frautas. Salmo de David.
2Escoita, Señor, a miña palabra,
atende a miña queixa.
3Oe o balbordo dos meus xemidos,
ti, meu rei e meu Deus.
A ti dirixo, Señor, a miña súplica,
4de mañá escoitarás a miña voz;
de mañá presentareiche a miña causa
e quedarei agardando.
5Ti non es un Deus que queira a maldade:
non lles dás hospedaxe ós malvados
6nin os soberbios se sosteñen ante ti.
Aborreces os malfeitores
7e perdes os mentireiros;
ós falsos e sanguinolentos
abomínaos o Señor.
8Mais eu, pola túa moita bondade,
podo entrar na túa casa.
Prostrareime diante do teu templo,
cheo do teu temor.
9Guíame, Señor, na túa xustiza;
por causa dos meus inimigos,
achanza ante min o teu camiño.
10Na súa boca non hai sinceridade,
por dentro están corrompidos.
A súa gorxa é sartego aberto
e a súa lingua aloumiñeira.
11Castígaos ti, Señor,
que fracase o seu proxecto.
Abáteos polos seus moitos crimes,
pois son rebeldes contra ti.
12Alegraranse os que a ti se acollen,
terán un xúbilo eterno.
Protéxeos ti e alégrense contigo
os que aman o teu nome.
13Ti, Señor, bendís ós xustos,
cóbrelos co teu favor, coma escudo.
Dereitos reservados: SEPT