Salmos 11
11
(10) A cadaquén o seu merecido
1Do mestre do coro. De David.
Eu busco agarimo no Señor,
Como ousades aínda dicirme:
—"Voa, paxaro, ó teu monte"?
2Mais os malvados tensan o arco,
axustan na corda as setas,
para tirar, na escuridade, contra os honrados
3Se os fundamentos se derruban,
que poden facer os xustos?
4O Señor desde o seu santuario,
o Señor desde a súa sede no ceo,
axexa cos seus ollos ós homes,
escrútaos coas súas pupilas.
5O Señor proba os xustos,
pero aborrece o impío e violento.
6Fará chover sobre os malvados
carbóns acesos e xofre;
vento queimante será a súa sorte.
7O Señor é xusto e ama a xustiza:
os rectos gozarán da súa presenza.
Dereitos reservados: SEPT