Salmos 10
10
(11) A fachenda dos malfeitores
1Por que, Señor, quedas lonxe,
escóndeste na hora do apuro?
2Mentres os malvados triúnfan,
son asoballados os pobres,
collidos nas insidias que lles traman.
3O malvado gloríase da súa mesma cobiza,
o avarento blasfema e despreza ó Señor.
4Di o malvado, na súa insolencia:
—"Deus non pide contas; non está".
iso é todo o que pensa.
5Os seus camiños prosperan,
o teu xuízo queda lonxe da súa mente,
búrlase dos seus adversarios.
6Pensa para si: —"Non caerei,
nunca na vida non terei unha desgraza".
7Ten a boca chea de maldición,
de inxurias e de fraude;
a súa lingua encobre insidia e maldade.
8Senta ó axexo nos currais
para matar ás agachadas ó inocente.
Cos ollos esculca os desvalidos,
9Axexa nos recantos, coma león no tobo,
axexa ós pobres, para os roubar,
rouba a quen pilla na súa rede.
10Agáchase, encóllese,
e cae con todo o peso sobre os inocentes.
11Pensa para si: —"Deus esquécese,
ten a cara tapada e non ve".
12Érguete, Señor; levanta, Deus, a túa man,
non te esquezas dos pobres.
13Por que ten que desprezar a Deus o malvado
e matinar para si: —"Non pide contas?"
14Ti mesmo podes ver os traballos e as penas,
fixarte e collelos na túa man.
A ti encoméndase o desvalido,
ó orfo es ti quen o axuda.
15Rompe o brazo do impío,
pídelle contas da maldade,
fai que desapareza.
16O Señor reinará para sempre,
e acabaranse os xentís na súa terra.
17Ti acolles, Señor, o desexo dos pobres:
confórtaos e aténdeos;
18defende o dereito do orfo e do oprimido,
e que ningún mortal exerza máis a insolencia.
Dereitos reservados: SEPT