Salmos 12
12
(11) Aínda virá a hora da xustiza
1Do mestre do coro, co octacordio. Salmo de David.
2Salva, Señor, que se acaban os xustos,
desaparecen os rectos de entre os homes.
3Falsidade é o que se din uns ós outros,
linguaxe garatuxeira e fraudulenta a que falan.
4Arrinque o Señor todos os labios aloumiñeiros
e as linguas arrogantes dos que din:
5—"A lingua é a nosa forza,
contamos cos nosos labios: quen será o noso dono?".
6—"Pola opresión dos humildes e os xemidos dos pobres,
agora mesmo me levanto —di o Señor—:
porei en salvo a todos os que o arelan".
7Os ditos do Señor son ditos verdadeiros,
prata limpa de escoura,
sete veces refinada.
8Ti, Señor, hasnos gardar,
librarasnos para sempre desta xente.
9Irán sen rumbo os malvados,
mentres os humildes se erguen.
Dereitos reservados: SEPT