Skip to content

Salmos 9

9
Grazas a Deus que xulga os pobos
1Do mestre do coro, segundo "A morte do fillo". Salmo de David.
2Douche grazas, Señor, de todo corazón,
proclamo as túas marabillas.
3Alégrome, relouco contigo
e canto o teu nome, Altísimo.
4Os meus inimigos retroceden,
caen e perecen ante ti,
5pois ti defendes a miña causa, o meu dereito,
sentado, xusto xuíz, no tribunal.
6Ti reprendes as xentes, destrúes os malvados
e borras para sempre os seus nomes.
7Os inimigos acaban en ruína eterna:
ti arrasas as súas cidades,
pérdese a súa memoria.
8O Señor aséntase firme,
prepara a sede para xulgar.
9El xulgará o mundo con xustiza,
rexerá as nacións con equidade.
10O Señor é abeiro dos oprimidos,
o seu abeiro no tempo da angustia.
11En ti confían os que coñecen o teu nome,
porque ti non abandonas os que te buscan, Señor.
12Cantádelle ó Señor que mora en Sión,
anunciádelles ós pobos as súas obras.
13El vinga o crime, lévao en conta,
non lle esquece o grito dos pobres.
14Ten dó de min, Señor,
olla cómo me aflixe o inimigo.
Tírame ti da man da morte,
15para que poida cantar as túas loanzas
ás portas de Sión,
e celebrar xubiloso o teu socorro.
16Os xentís afondarán na cova que cavaron,
na rede que tenderon quedará preso o seu pé.
17O Señor maniféstase para facer a xustiza;
os malvados caen na propia trapela.
18Voltan ó abismo os malvados
e as xentes todas que se esquecen de Deus;
19mais o pobre non será esquecido eternamente,
non finará para sempre a esperanza do humilde.
20Érguete, Señor, que non triúnfe o home,
sexan xulgadas as xentes ante ti.
21Ponlles medo, Señor:
aprendan as xentes que nada máis son homes.