Proverbios 4
4
A Sabedoría desposada
1Escoitade, fillos, a instrución dun pai,
dade atención para aprender intelixencia;
2É unha boa tradición o que vos dou,
non esquezades o meu ensino,
3pois tamén eu fun fillo de meu pai
fillo único e querido de miña nai.
4Cando el me ensinaba, dicía:
—"Que o teu ánimo recolla as miñas palabras,
garda os meus mandatos e medrarás!
5Adquire Sabedoría, adquire intelixencia,
non as esquezas nin te afastes dos meus ditos.
6Non a repudies; ela hate gardar;
quérea ben e hate protexer.
7Esencia de Sabedoría é: Adquire Sabedoría!
e mesmo por canto teñas, procura a intelixencia.
8Faille agarimos, e enxalzarate;
dálle unha aperta, e encherate de honor;
9porá na túa cabeza unha diadema xeitosa,
darache en agasallo unha coroa espléndida".
Aparta do mal camiño
10Filliño, escoita e acolle as miñas razóns
para que se che multipliquen os anos de vida.
11Eu diríxote polo camiño da Sabedoría
guíote por un vieiro recto;
12O camiñares non serán impedidos os teus pasos;
se botas a correr non tropezarás.
13Aférrate á instrución, non a deixes da man;
gárdaa, pois nela vaiche a vida.
14Non collas para o vieiro dos malvados
nin te encamiñes pola xeira dos perversos:
15tíraa da cabeza, non atraveses por ela,
dá un rodeo e sigue adiante;
16pois os tales non dan durmido se non fixeron algunha,
non lles vén o sono se non afundiron a alguén;
17xantan do pan do crime,
beben do viño da violencia.
18Nembargantes o vieiro dos xustos é coma a luz do abrente
e vai medrando ata o pleno día;
19en troques o camiño dos malvados é coma a tebra,
non saben contra onde van bater.
O control da conciencia
20Meu fillo, está atento ás miñas palabras,
tende a orella ó que che vou dicir,
21non as perdas de vista,
gárdaas ben no sentido;
22son vida para quen dá con elas,
e un tónico total para o seu corpo.
23Por riba de todo garda o corazón
pois del burbullan os mananciais da vida;
24Afasta de ti a fala perversa
alonga de ti os labios falsos;
25que os teus ollos miren dereito
e as túas olladas vaian de fronte;
26ten coidado onde pos as túas pegadas,
e sexan firmes todas as túas vías;
27non vires nin para a dereita nin para a esquerda,
arreda os teus pés do mal.
Currently Selected:
Proverbios 4: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT