Bible App logo
Search Icon

Proverbios 3

3
A práctica relixiosa
1Filliño, non esquezas o meu ensino
e garda no ánimo os meus mandatos
2pois hante acrecentar longura de días,
anos de vida e prosperidade;
3que non te abandone a lealdade constante,
cínguea arredor de túa gorxa,
escríbea na táboa do teu corazón.
4Acadarás aceptación e boa sona
á vista de Deus e mais dos homes.
5Confía no Señor con todo o teu ser
e non te apoies na propia intuición;
6teno en conta en todos os teus camiños
e El achanzará os teus vieiros.
7Non te teñas por sabio,
teme ó Señor e arreda do mal;
8Ese será un tónico para a túa saúde
e un remedio para os teus ósos.
9Honra ó Señor cos teus bens,
coa primicia de todo canto gañes;
10encheranse os teus cabazos de gran
e as túas pipas estouparán de mosto.
11Filliño, non rexeites a instrución do Señor,
non leves a mal a súa corrección,
12pois o Señor reprende a quen ama
e aflixe ó fillo benquerido.
Loanza da Sabedoría
13Ditoso o home que dá coa Sabedoría
e o que vén dotado de discernimento,
14pois adquirila é de máis proveito cá prata
e de máis ganancia có ouro;
15é de máis prezo có coral,
non se lle compara canto poidas desexar.
16Na súa dereita leva unha vida longa,
na esquerda, a riqueza e a honra.
17Os seus camiños son deliciosos,
os seus vieiros, cheos de paz;
18é a árbore da vida para os que a aferran,
os que a reteñen son felices.
19O Señor fundou a terra por medio da Sabedoría,
afirmou o ceo co discernimento;
20polo seu saber burbullan as fontes abismais
e as nubes destilan o orballo.
Deberes da convivencia humana
21Meu fillo, non as perdas de vista:
pon garda á competencia e á habilidade.
22Serán vida para a túa gorxa,
beleza no teu pescozo.
23Irás entón seguro no teu camiño
sen tropezar co pé.
24O te ires deitar, non pasarás medo;
unha vez deitado, será doce o teu sono.
25Non che fará tremer un espanto súbito
nin a destrución que cae sobre os malvados,
26pois o Señor estará ó teu carón
e gardará da trampa o teu pé.
27Non lle negues un favor a quen ten dereito a el,
cando está no teu poder o concedelo.
28Non lle digas ó teu veciño: —"Vai e volta outra vez,
mañá eu che darei", se tes con que.
29Non amañes un mal contra o teu próximo
cando el vive confiado á túa beira.
30Non lle poñas preito a ninguén sen motivo,
cando non che fixo prexuízo ningún.
31Non envexes o violento
nin adoptes os seus procedementos,
32pois o Señor aborrece ó perverso,
e reserva a súa intimidade para os honrados.
33A maldición do Señor cae sobre o casal do impío,
pero bendí a morada dos xustos.
34Cos burlóns, búrlase deles,
mais demostra o seu favor ós humildes;
35Os sabios herdan a honra,
os parvos gañan a vergonza.

Currently Selected:

Proverbios 3: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in