Bible App logo
Search Icon

Proverbios 5

5
Dúas castes de muller
1Meu fillo, atende á miña Sabedoría
dá oído ó meu discernimento;
2dese xeito poderás gardar confidencias
e os teus labios conservarán saber.
3Os labios de muller allea pingan mel
e o seu padal esvara máis có aceite;
4pero ó remate amarga máis có áloe,
é máis tallante ca unha espada de dous fíos;
5os seus pés van descendendo para a morte,
as súas pegadas van dar no Xeol;
6non ten ela en conta o camiño da vida,
os seus vieiros cambian, nunca ten sosego.
7Polo tanto, filliño, escóitame,
non te afastes das miñas razóns;
8Arreda dela o teu camiño,
non te achegues á porta da súa casa;
9non sexa que deixes para outros o teu honor
e os teus anos a un ser cruel;
10non sexa que aproveiten os alleos o teu vigor
e as túas fatigas na casa da estranxeira,
11que entón te laiarías ó virche enriba a fin,
ó se che consumiren o corpo e mais as carnes;
12dirías daquela: "Malia de min, que aborrecín a instrución
e o meu corazón desprezou a corrección!
13Non quixen escoitar a voz dos meus mestres
e non prestei oído ós meus ensinantes;
14pouco faltou para me ver totalmente arruinado
diante da asemblea e do consello".
15Bebe a auga da túa cisterna,
e as burbulladas do teu pozo.
16Ias derramar pola rúa os teus regatos
polas prazas as túas canles?
17Que sexan para ti só
non para as compartires cos estraños!
18Que sexa bendita a túa fonte
e goces coa compañeira da túa mocidade,
19cerva amada, gacela xeitosa!
Que os seus peitos te teñan sempre bébedo
e decote te envolva o seu amor!
20Por que, meu fillo, irte axuntar coa allea?
Por que abrazar o seo dunha estranxeira?
21Que Deus ten diante dos ollos o proceder dos homes,
enxerga todos os seus vieiros;
22As propias culpas cazan ó malvado,
enrédase nas cordas do seu pecado
23e morre pola súa indisciplina;
será amortallado na súa necidade.

Currently Selected:

Proverbios 5: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in