Números 34
34
As fronteiras da terra prometida
1Díxolle o Señor a Moisés:
2—"Ordénalles ós fillos de Israel: Cando entredes no país de Canaán, este será a terra que vos tocará en posesión: o país de Canaán conforme os seus límites. 3Polo sur pertenceravos desde o deserto de Sin, seguindo a fronteira de Edom; esta fronteira meridional partirá desde o extremo do Mar Morto polo abrente; 4logo dará un rodeo cara ó sur, pola subida de Acrabim, e baixará ata o Sin, e chegará ó sur de Cadex-Barnea; logo irá saír a Hasar-addar e pasará a Asmón. 5Logo a fronteira torcerá desde Asmón cara ó Torrente de Exipto e terminará no mar.
6Por fronteira occidental teredes o Mar Mediterráneo: esta será para vós a fronteira ó oeste.
7Por fronteira septentrional teredes a seguinte: desde o Mar Mediterráneo trazaredes unha liña ata o monte Hor; 8desde o monte Hor trazaredes unha liña ata a entrada de Hamat, indo saír a fronteira ata Sedad. 9Logo a fronteira conducirá a Zifrón, terminando en Hasarenán. Tal será para vós a fronteira septentrional.
10Logo trazaredes unha liña como fronteira oriental desde Hasar-enán cara a Xefam. 11A fronteira baixará desde Xefam ata Ha-Riblah, ó oriente de Ain, e seguirá baixando ata tocar a beira oriental do lago de Xenesaret; 12despois baixará a fronteira ata o Xordán, indo dar ó Mar Morto. Tal será para vós o país en todo o perímetro das súas fronteiras".
13Moisés ordenoulles entón ós fillos de Israel: —"Este é o país que tedes que vos repartir por sorte, e que o Señor mandou que se entregue para as nove tribos e media; 14pois a tribo dos fillos de Rubén, segundo as súas casas paternas, a tribo dos fillos de Gad, segundo as súas casas paternas e media tribo de Menaxés recibiron xa a súa herdade. 15As dúas tribos e media recibiron a súa herdanza alén do Xordán, de fronte de Iericó, para a banda do oriente".
16O Señor díxolle a Moisés: 17—"Estes son os nomes dos homes que vos repartirán a terra: O sacerdote Elazar e Xosué, fillo de Nun. 18Colleredes, ademais, un príncipe por cada unha das tribos para facer as partillas das herdanzas da terra. 19Velaquí os nomes deses homes: pola tribo de Xudá, Caleb, fillo de Iefuneh; 20pola tribo dos fillos de Simeón, Samuel, fillo de Amihud; 21pola tribo de Benxamín, Elidad, fillo de Quislón; 22pola tribo dos fillos de Dan, un príncipe: Buquí, fillo de Ioglí; 23canto ós fillos de Xosé, pola tribo dos fillos de Menaxés, un príncipe: Haniel, fillo de Efod; 24e pola tribo dos fillos de Efraím, un príncipe: Quemuel, fillo de Xiftán; 25pola tribo dos fillos de Zebulón, un príncipe: Elisafán, fillo de Parnac; 26pola tribo dos fillos de Isacar, un príncipe: Paltiel, fillo de Azán; 27pola tribo dos fillos de Axer, un príncipe: Ahihud, fillo de Xelomí, 28e pola tribo dos fillos de Naftalí, un príncipe: Pedahel, fillo de Amihud". 29Tales son os que o Señor designou para repartiren en herdanza o país de Canaán entre os fillos de Israel.
Currently Selected:
Números 34: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT