YouVersion Logo
Search Icon

Números 35

35
Cidades levíticas
1O Señor díxolle a Moisés nas planicies de Moab, na beira do Xordán, de fronte de Xericó: 2—"Ordénalles ós fillos de Israel que da súa herdanza en propiedade lles dean ós levitas cidades para habitaren, e entregarédeslles tamén as terras de arredor. 3As cidades serviranlles de morada e as terras serán para o seu gando, a súa facenda e todos os seus animais. 4Esas terras das cidades que lles tedes de dar ós levitas desde a muralla da cidade para afora, terán mil cóbados en roda. 5Mediredes, pois, no exterior da cidade: pola parte de oriente, dous mil cóbados; pola parte meridional, dous mil cóbados; pola parte do occidente, dous mil cóbados; e pola parte setentrional, dous mil cóbados, ficando a cidade no centro. Estas serán as terras arredor das cidades. 6As cidades que tedes de dar ós levitas serán as seis cidades de asilo que estableceredes para que se refuxie alí o homicida; e, ademais delas, darédeslles corenta e dúas cidades. 7O total das cidades que tedes de dar ós levitas, será corenta e oito cidades, cada unha coas súas terras. 8As cidades que tedes de dar serán tomadas da propiedade dos fillos de Israel: de quen ten moito tomaredes moito, e de quen ten menos tomaredes menos; cada un dará das súas cidades para os levitas na proporción da herdanza que teña recibido".
Cidades de asilo
9Díxolle o Señor a Moisés: 10—"Fálalles ós fillos de Israel: Cando deades pasado o Xordán cara o país de Canaán, 11escolleredes cidades que serán para vós cidades de asilo, e alá refuxiarase o homicida que mate a unha persoa sen querer. 12Estas cidades serviranvos de asilo contra o vingador do sangue, para que o homicida non morra antes de que sexa xulgado ante a comunidade. 13Reservaredes, pois, seis cidades de asilo: 14tres cidades do lado de alá do Xordán e outras tres na terra de Canaán. Serán cidades de asilo. 15Para os fillos de Israel, o estranxeiro e o que mora no medio de vós, esas seis cidades serán de asilo, para que alí se refuxie todo aquel que mate a unha persoa sen querer.
16Pero se o feriu con instrumento de ferro e o mata, é un homicida; o homicida terá que morrer sen remedio. 17Se o feriu con pedra tirada coa man, capaz de causar a morte, e mata, é un homicida; o homicida morrerá sen remedio. 18Se o feriu cun pau capaz de causar a morte, e mata, é un homicida; o homicida morrerá sen remedio. 19O vingador do sangue matará por si mesmo ó homicida; cando o encontre, matarao. 20Se alguén por odio derruba a outro ou por inimizade lanza algo contra el, e o mata, 21ou se por inimizade o fere coa súa man e morre, o agresor morrerá sen remedio; é un homicida. O vingador do sangue matará ó homicida cando o encontre.
22Pero se o derrubou por casualidade, sen odio, ou lanzou sobre el calquera cousa sen intención de lle facer dano; 23ou, sen o ver, lle deu cunha pedra capaz de causar a morte, e o mata, cando non o odiaba nin buscaba o seu dano, 24A asemblea do pobo xulgará entre o que feriu e o vingador do sangue, segundo estas leis. 25A comunidade librará ó homicida da man do vingador do sangue e conducirao á cidade de asilo, onde estea refuxiado. Habitará alí ata a morte do sumo sacerdote, unxido co santo óleo.
26Mais se o homicida sae do límite da súa cidade de asilo, onde está refuxiado, 27e o vingador do sangue o atopa fóra do límite da súa cidade de asilo, onde estaba refuxiado, e o mata, non será reo de sangue, 28porque o homicida debe habitar na súa cidade de asilo ata a morte do sumo sacerdote. Soamente despois de morrer este, poderá o homicida regresar á terra da súa propiedade. 29Estas disposicións constituirán para vós normas de dereito nas vosas sucesivas xeracións en todas as vosas moradas.
30Se alguén mata a unha persoa, daráselle morte, por declaración de testemuñas; pero unha soa testemuña non abondará para condenar unha persoa á morte. 31Non aceptaredes rescate pola vida dun homicida que é reo de morte, pois terá que morrer sen remedio. 32Tampouco aceptaredes rescate por quen se refuxiou na súa cidade de asilo, para que volva habitar no país, ata a morte do sacerdote. 33Non deixaredes profanar a terra na que vivides, porque o sangue profana a terra, e polo sangue derramado na terra non se pode facer expiación máis ca mediante o sangue de quen a verteu. 34Non profanaredes a terra na que habitades, e na que tamén estou eu, pois eu, o Señor, moro no medio dos fillos de Israel".

Currently Selected:

Números 35: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Números 35