YouVersion Logo
Search Icon

Números 30

30
Os votos e promesas
1Moisés faloulles ós fillos de Israel conforme a todo o que lle ordenara o Señor. 2Moisés faloulles tamén ós xefes das tribos israelitas, dicindo: —"Isto é o que mandou o Señor: 3Se un home fai un voto ó Señor ou se compromete baixo xuramento, uníndose por unha obrigación, non faltará á súa palabra; obrará conforme a todo o que prometeu.
4Se unha muller fai un voto ó Señor ou se compromete por unha obrigación, estando na casa de seu pai, na súa mocidade, 5e sabedor o pai do seu voto e do seu compromiso, el non di nada, todos os seus votos e todo o seu compromiso serán firmes. 6Non obstante, se o seu pai, ó chegar ó coñecemento dos votos e do compromiso, se opón, todos os seus votos e mais o compromiso non terán valor, e o Señor perdoaraa, porque seu pai se opuxo a isto.
7Se se casa estando suxeita ós seus votos ou a algunha promesa, que a obriga a algunha privación, 8e se o seu home chega a coñecer iso e non lle di nada, os seus votos serán firmes e serán firmes os seus compromisos. 9Pero, se o home, no día en que dixo chegar ó coñecemento diso, o desaproba, o voto queda anulado e a promesa feita de palabra, coa que se comprometera, desaparece, e o Señor perdoaraa.
10En troques, o voto dunha viúva ou dunha muller repudiada e todos os seus compromisos serán firmes para ela.
11Se unha muller fixo un voto ou promesa, con xuramento de se privar de algo, estando na casa do marido, 12e o marido, que chega a sabelo, non lle di nada, nin desaproba o feito, todos os seus votos quedarán en firme, e tamén serán firmes todos os seus compromisos.
13Con todo, se o seu marido, o día no que o saiba, o anula, nada de todo canto saíu dos labios dela, sexan votos ou compromisos, será firme; o seu marido anulounos, e o Señor perdoaraa. 14Todo voto e todo compromiso por xuramento de se mortificar poderao ratificar seu esposo ou anulalo. 15Mais se o seu marido garda silencio ata o día seguinte, ratifica así todos os votos e todas as obrigacións que sobre ela pesen; confírmaos por gardar silencio o día no que o soubo. 16Mais se el os anulase, despois de o saber, cargaría coa iniquidade dela".
17Tales son os estatutos que o Señor prescribiu a Moisés sobre relacións entre marido e muller, e tamén entre un pai e mais a súa filla, durante a mocidade desta na casa de seu pai.

Currently Selected:

Números 30: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Números 30