Números 31
31
Derrota dos madianitas
1Díxolle o Señor a Moisés: 2—"Vinga nos madianitas ós fillos de Israel. Despois xuntaraste cos antepasados do teu pobo". 3Moisés faloulle ó pobo: —"Disponde os homes para a guerra e vaian contra Madián, a fin de lles dar a vinganza do Señor nos madianitas. 4Mil por tribo, de todas as tribos de Israel, enviaredes á guerra". 5Foron, pois, escollidos das lexións de Israel mil por tribo, isto é, doce millares armados para a milicia. 6Moisés enviounos á milicia mil por tribo, ás ordes de Pinhas, fillo do sacerdote Elazar, portador dos obxectos sagrados e das trompetas de alarma. 7Eles pelexaron contra Madián, conforme lle mandara o Señor a Moisés, e mataron a todos os varóns. 8Amais dos soldados mortos mataron tamén ós reis de Madián: Evi, Requem, Sur, Hur e Reba, cinco reis madianitas. Ademais mataron á espada a Balaam, fillo de Beor. 9Os fillos de Israel ademais levaron cativas ás mulleres de Madián, cos seus meniños e saquearon todo o seu gando, todos os seus rabaños e toda a súa facenda. 10A todas as súas cidades nos seus diversos lugares de residencia e a todos os seus campamentos prendéronlles lume. 11Colleron todo o botín e toda a presa feita en homes e en gando, 12e conduciron os cativos, o botín e mais a presa a Moisés, a Elazar, o sacerdote, e á comunidade dos fillos de Israel, que estaban no campamento situado nas planicies de Moab, xunto do Xordán, fronte a Xericó. 13Moisés, o sacerdote, Elazar e todos os príncipes da comunidade saíron ó seu encontro fóra do campamento. 14Moisés irouse contra os xefes do exército, xenerais e centurións que volvían da expedición guerreira, 15e díxolles: —"Mais por que deixastes con vida a todas estas mulleres? 16Ollade! Elas son as que por instigación de Balaam induciron ós fillos de Israel a apostataren do Señor por mor de Peor, e por esa causa caeu o castigo enriba da comunidade do Señor. 17Agora, pois, matade a todo varón entre os meniños e a toda muller que fixese o acto sexual con home. 18Pero reservade con vida para vós a todas as rapazas que non tiveron relacións sexuais con varón. 19E vós quedade fóra do campamento durante sete días. Todos os que matastes unha persoa e cantos tocastes un cadáver, purificarédesvos no terceiro e sétimo día, tanto vós coma os vosos prisioneiros. 20Purificade tamén todo vestido, todo obxecto de pel, todo utensilio feito de pel de cabra e todo utensilio de madeira".
21O sacerdote Elazar díxolles ós homes da milicia que foran ó combate: —"Este é o precepto legal que o Señor ordenou a Moisés: 22O ouro, a prata, o bronce, o ferro, o estaño e o chumbo, 23todo o que resiste o lume, farédelo pasar polo lume e será puro; non obstante, terá de ser purificado coa auga lustral. E todo o que non resiste o lume, pasarédelo pola auga. 24O día sétimo lavaredes os vosos vestidos, e seredes puros; e despois poderedes entrar no campamento".
Reparto do botín
25Díxolle o Señor a Moisés: 26—"Fai o inventario do botín collido en homes e gando, ti, o sacerdote Elazar e os xefes das casas paternas da comunidade. 27Dividirás pola metade o botín entre os combatentes que foron á guerra e toda a comunidade. 28Separarás para o Señor, como tributo dos guerreiros que foron á guerra, unha cabeza de cada cinco centos, tanto dos homes como dos bois, dos asnos e das ovellas; 29collerédelo da metade que lles corresponde e daralo ó sacerdote Elazar como primicia para o Señor. 30Da metade correspondente ós fillos de Israel tomarás a porcentaxe do un por cincuenta, tanto dos homes como dos bois, dos asnos e das ovellas, de todos os animais, e darásllelo ós levitas encargados do servizo do Tabernáculo do Señor".
31Moisés e o sacerdote Elazar fixeron como lle ordenara o Señor a Moisés. 32O botín que o exército tomara coma presa foi: ovellas, 675.000 cabezas; 33bois, 72.000; 34Asnos, 71.000; 35en canto a persoas, mulleres que non tiveran relacións con home, o total era de 32.000.
36A metade adxudicada ós que foran á guerra deu un total de: ovellas, 337.500; 37destas corresponden como tributo para o Señor 675. 38Bois, 36.000, e o seu tributo para o Señor, 72. 39Asnos, 30.500, e o seu tributo para o Señor, 61. 40Persoas, 16.000, e o seu tributo para o Señor, 32. 41Moisés entregou o tributo como primicia do Señor ó sacerdote Elazar, conforme o Señor lle ordenara.
42Canto á metade correspondente ós fillos de Israel que Moisés apartara da dos guerreiros, 43esa metade da comunidade foi: ovellas, 337.500; 44bois, 36.000; 45Asnos, 30.500; 46persoas, 16.000. 47Moisés tomou desa metade dos israelitas a porcentaxe do un por cincuenta, tanto dos homes como dos animais, e entregouno ós levitas, que desempeñaban o servizo do Tabernáculo do Señor, conforme o Señor lle ordenara.
48Logo presentáronse ante Moisés os xefes das unidades militares, os xenerais e os centurións, 49e dixéronlle a Moisés: —"Os teus servos fixeron a conta dos combatentes que había á nosa disposición, e non faltou nin sequera un deles. 50Presentamos, pois, como ofrenda ó Señor cada un o que gañou en obxectos de ouro: brazaletes, pulseiras, aneis, pendentes e colares, a fin de que sexa propiciatoria polas nosas almas ante o Señor". 51Moisés e o sacerdote Elazar aceptaron deles o ouro: toda sorte de obxectos traballados con arte. 52O total de ouro que presentaron ó Señor procedente dos xenerais e os centurións, foi 16.750 siclos. 53Os soldados collérano cada un para si. 54Moisés e o sacerdote Elazar tomaron o ouro dos xenerais e os centurións, e levárono á Tenda do Encontro, como lembranza dos fillos de Israel ante o Señor.
Currently Selected:
Números 31: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT