YouVersion Logo
Search Icon

Números 27

27
Dereito hereditario das fillas
1Presentáronse entón as fillas de Selofad, fillo de Héfer, fillo de Galaad, fillo de Maquir, fillo de Menaxés, fillo de Xosé. Estes son os nomes das fillas daquel: Mahlah, Noah, Hoglanh, Milcah e Tirsah. 2Presentáronse, pois, ante Moisés, ante Elazar, sacerdote, e ante os príncipes e toda a comunidade á entrada da Tenda do Encontro, dicindo: 3—"O noso pai morreu no deserto, pero el non figurou na facción dos que conspiraron contra o Señor, na facción de Coré; senón que morreu polo seu pecado e non tivo fillos. 4Por que deixar que o nome do noso pai desapareza de entre os da súa familia por non ter fillos varóns? Dádenos unha propiedade entre os irmáns do noso pai!"
5Moisés entón presentou a causa delas ante o Señor. 6O Señor respondeulle a Moisés: 7—"Din ben as fillas de Selofad. Daraslles unha propiedade entre os irmáns de seu pai, e pásalles a herdanza do pai deles. 8E ós fillos de Israel falaraslles nestes termos: Cando un home morra sen ter fillos varóns, pasarédeslles a herdanza ás súas fillas; 9e se non ten fillas, daredes a súa herdanza a seus irmáns. 10Se non tiver irmáns, daredes a súa herdanza ós irmáns de seu pai; 11e se seu pai non tiver irmáns, daredes a súa herdanza ó seu parente máis próximo dentro da súa familia, que será o seu dono". Isto será para os fillos de Israel unha norma de dereito, conforme o Señor llo ordenou a Moisés.
Elección de Xosué
12Díxolle o Señor a Moisés: —"Sube a este monte dos Abarim, e contempla o país que lles teño destinado ós fillos de Israel! 13Cando o teñas visto, teraste que xuntar cos devanceiros do teu pobo, como se xuntou o teu irmán Aharón, 14porque ámbolos dous no deserto de Sin, na rebelión da comunidade, fostes rebeldes á miña orde de declararme santo ós seus ollos mediante a auga, a auga de Meribah, no deserto de Sin".
15Moisés respondeulle ó Señor:
16—"Señor, Deus do espírito de todo ser vivo, sinala sobre a comunidade un home que a dirixa e se poña á súa cabeza, 17que os leve e os traia, para que a comunidade do Señor non sexa coma rabaño sen pastor!" 18O Señor contestoulle a Moisés: —"Escolle a Xosué, fillo de Nun, home no cal reside o Espírito; e impón sobre el a túa man! 19Preséntao logo diante de Elazar, sacerdote, e diante de toda a comunidade, e dálle ordes na súa presenza. 20Daraslle unha parte da túa dignidade, para que o obedezan todos os da comunidade dos fillos de Israel. 21Deberá presentarse a Elazar, sacerdote, quen consultará por el o xuízo dos Urim ante o Señor. Por orde súa sairán e por orde súa regresarán, el e mais todos os fillos de Israel con el, toda a comunidade".
22Moisés fixo como lle ordenara o Señor: colleu a Xosué e presentouno ante Elazar, sacerdote, e ante a comunidade; 23impuxo sobre el as súas mans e deulle as súas ordes, conforme o Señor llo mandara.

Currently Selected:

Números 27: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Números 27