Números 25
25
Idolatría de Israel
1Israel estableceuse en Xitim, e o pobo comezou a fornicar coas fillas de Moab. 2Estas invitaron o pobo ós sacrificios dos seus deuses, e o pobo comeu e prosternouse diante dos deuses delas. 3Israel consagrouse a Baal-Peor, e a cólera do Señor acendeuse contra Israel. 4E díxolle o Señor a Moisés: —"Colle a todos os cabezas de familia do pobo e fainos aforcar en honra do Señor á luz do sol, para que a cólera do Señor se afaste de Israel!" 5Entón Moisés díxolles ós xuíces de Israel: —"Matade cada un a aqueles dos vosos homes que adoraron a Baal-Peor!"
6E velaí que un home de entre os israelitas chegou e trouxo onda ós seus irmáns a unha madianita ós ollos de Moisés e á vista de toda a comunidade de fillos de Israel, estando todos eles chorando á entrada da Tenda do Encontro. 7Véndoo Pinhás, fillo de Elazar, fillo do sacerdote Aharón, ergueuse no medio da comunidade e colleu unha lanza na súa man, 8entrou detrás do home na súa alcoba e atravesou a ámbolos dous, ó home israelita e á muller, polo baixo ventre. E axiña cesou a praga sobre os fillos de Israel. 9Agora ben, os mortos na praga foron vinte e catro mil.
10Díxolle o Señor a Moisés: 11—"Pinhás, fillo de Elazar, fillo do sacerdote Aharón, desviou o meu furor contra os israelitas, mostrouse celoso por min no medio deles, e así, no meu celo, non aniquilei os fillos de Israel. 12Por iso di: Mira que eu establezo con el a miña alianza de paz; 13que constituirá para el e para a súa descendencia unha alianza de sacerdocio perpetuo, en recompensa por se mostrar celoso polo seu Deus e realizar expiación polos fillos de Israel".
14O nome do israelita morto, xunto coa madianita, era Zimrí, fillo de Salú, xefe dunha casa patriarcal dos simeonitas; 15e o nome da muller madianita morta era Cozbí, filla de Sur, o cal era xefe nunha casa patriarcal de Madián.
16O Señor díxolle a Moisés: 17"Atacade ós madianitas e ferídeos, 18-19 pois eles atacáronvos cos seus enganos que empregaron contra vós no caso de Peor, e no caso de Cozbí, filla dun xefe de Madián, irmá deles, morta o día da praga que sobreveu no caso de Peor".
Currently Selected:
Números 25: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT