Números 24
24
Oráculos de Balaam
1Viu Balaam que lle agradaba ó Señor que bendicise a Israel, e non foi, como as outras veces, buscar agoiros, senón que volveu o seu rostro para o deserto. 2Levantou os ollos e viu a Israel acampado por tribos, e o espírito do Señor descendeu sobre el. 3Entón pronunciou o seu oráculo:
—"Oráculo de Balaam, fillo de Beor,
oráculo do varón de ollo penetrante,
4oráculo de quen oe as palabras de Deus,
de quen ve as visións do Todopoderoso;
que cae e se lle abren os ollos.
5Que fermosas son as túas tendas, Xacob;
e as túas moradas, Israel!
6Son longos coma vales,
cal xardíns á beira do río,
coma áloes plantados polo Señor,
coma cedros a carón das augas.
7A auga corre das súas nubes,
e a súa sementeira crecerá ben regada.
Máis loado ca Agag será o seu rei,
exaltado será o seu reino.
8Deus, que o tirou do Exipto,
é para el coma a forza do rinoceronte.
Devora as nacións inimigas súas,
creba os seus ósos,
e traspásaos coas súas frechas.
9Reclínase, déitase coma un león,
como unha leoa: quen o fará levantar?
Benditos quen te bendigan,
e quen te maldigan, malditos!".
10A ira de Balac acendeuse contra Balaam, bateu as mans, e díxolle a Balaam:
—"Eu chameite para maldicires os meus inimigos, e xa vai por tres veces que os bendís! 11Agora, pois, volta para o teu lugar! Eu prometera encherte de honores, pero o Señor privoute deles".
12Respondeulle Balaam a Balac:
—"Non lles dixera eu ós embaixadores que me enviaches: 13Aínda que Balac me dese a súa casa chea de prata e de ouro, eu non podería transgredir a orde do Señor, facendo pola miña conta cousa boa ou mala; aquilo que diga o Señor, iso direi? 14Agora, pois, que me vou para o meu pobo, ven, e informareite do que ese pobo ha facer nos días vindeiros!"
E Balaam pronunciou o seu oráculo:
15—"Oráculo de Balaam, fillo de Beor,
oráculo do varón de ollo penetrante,
16oráculo de quen oe as palabras de Deus,
e coñece a ciencia do Altísimo,
de quen ve as visións do Todopoderoso,
que cae e se lle abren os ollos.
17Véxoo, pero non neste intre;
eu avístoo, pero non de cerca:
saíu unha estrela de Xacob,
e xurdiu un caxato de Israel;
crebou as ladeiras de Moab
e abateu todos os fillos de Xet.
18Edom vaise empobrecendo,
e empobrécese Seir, o seu inimigo,
mentres Israel fai prodixios.
19De Xacob sairá un Dominador
e aniquilará os restos da cidade".
20Logo viu a Amalec, e pronunciou o seu oráculo:
—"É Amalec a primeira das cidades,
mais o seu final parará en destrución".
21Logo viu o quenita, e pronunciou o seu oráculo:
—"Firme é a túa morada,
e ter o teu niño dentro do penedo!
22Con todo, Caín será asolado,
ata que Asur te conduza cativo".
23E continuou co seu oráculo:
—"Ai, quen vivirá cando Deus faga isto!
24Virán navíos de parte dos quititas
e asoballarán Asur e arrasarán Éber,
e tamén el irá á ruína".
25Logo Balaam partiu e volveu para o seu país. Tamén Balac proseguiu o seu camiño.
Currently Selected:
Números 24: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT