YouVersion Logo
Search Icon

Números 23

23
Balaam bendí a Israel
1Díxolle Balaam a Balac:
—"Edifícame aquí sete altares e prepárame neste lugar sete touros e sete carneiros". 2Balac fixo como Balaam dixera e ofreceu un touro e un carneiro sobre cada altar. 3Logo díxolle Balaam a Balac: —"Fica onda o teu holocausto, mentres eu me afasto; quizais saia o Señor ó meu encontro, e todo o que El me revele, eu comunicareicho". E marchou a un lugar afastado. 4Deus saíu ó encontro de Balaam, quen lle dixo: —"Teño preparados os sete altares e ofrecín un touro e un carneiro sobre cada altar". 5O Señor puxo unha palabra na boca de Balaam, e dixo: —"Torna a Balac, e falaraslle así". 6Tornou, pois, a el, e encontrouno de pé onda o seu holocausto, con todos os príncipes de Moab. 7Entón pronunciou o seu oráculo:
—"Desde Aram faime vir Balac,
o rei de Moab desde as montañas do Oriente:
Ven, díxome, maldí a Xacob!
Ven, impreca a Israel!
8Como vou maldicir a quen El non maldiciu?
Como vou detestar eu a quen non detestou o Señor?
9En verdade, desde o cume dos penedos eu o vexo,
e desde o curuto dos outeiros eu o contemplo:
Velaí un pobo que habita só,
e entre as nacións non se conta.
10Quen puido contar a multitude de Xacob
e quen enumerar a cuarta parte de Israel?
Morra eu coa morte dos xustos
e sexa o meu futuro semellante ó deles!".
11Entón Balac díxolle a Balaam:
—"Que é o que me fixeches? Para maldicir os meus inimigos fíxente vir, e ti non fas máis que bendicilos!"
12Balaam respondeulle dicindo: —"Por ventura non teño que ter coidado en dicir aquilo que Deus pon nos meus labios?"
13E díxolle Balac: —"Ven, por favor, comigo a outro sitio desde onde poidas velo! Soamente verás a súa parte extrema, mais todo el non o verás. Maldío desde alí!"
14Levouno entón ó Campo das sentinelas, no cume do Pisgah, e construíu sete altares, ofrecendo un touro e un carneiro sobre cada altar. 15E díxolle a Balac: —"Queda aquí onda o teu holocausto, mentres eu saio aí ó encontro". 16O Señor veu ó encontro de Balaam, e póndolle a palabra na súa boca, díxolle: —"Torna a Balac, e falarás así!" 17Foi onda el e atopouno de pé onda o seu holocausto, acompañado dos príncipes de Moab. Preguntoulle Balac: —"Que che dixo o Señor? 18Entón el pronunciou o seu oráculo:
—"Levántate Balac, e escoita,
óeme, fillo de Sipor!
19Non é Deus home para mentir,
nin fillo de home para que se poida desdicir.
É El quen di e non fai,
ou quen fala e non cumpre?
20Eu recibín orde de bendicir,
bendicín, e non o podo cambiar.
21Non se viu culpa en Xacob,
nin se viu maldade en Israel.
O Señor, o seu Deus, está con el,
nel é aclamado coma rei.
22Deus, que o tirou do Exipto,
é para el como a forza do rinoceronte.
23Non existe maxia en Xacob,
nin adiviñacións en Israel.
O seu tempo diráselle a Xacob
e a Israel o que El vai facer.
24Velaquí un pobo que se levanta coma unha leoa,
e se ergue coma un león;
non se deitará ata que dea devorado a presa
e o sangue das súas vítimas dea bebido".
25Entón Balac díxolle a Balaam:
—"Xa que non podes maldicilo, polo menos non o bendigas!"
26Mais Balaam respondeulle a Balac:
—"Non cho anunciei, dicindo: Todo o que o Señor diga, iso hei facer?"
27Entón Balac díxolle a Balaam:
—"Ven, por favor, levareite a outro lugar! Quizais sexa do agrado de Deus que os maldigas desde alí!"
28E Balac conduciu a Balaam ó cume do Peor, que olla para o deserto.
29Balaam díxolle a Balac:
—"Constrúeme aquí sete altares e prepárame sete touros e sete carneiros".
30Balac fixo conforme Balaam lle indicara, e ofreceu un touro e un carneiro en cada altar.

Currently Selected:

Números 23: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Números 23