YouVersion Logo
Search Icon

Números 19

19
Sacrificio da vaca vermella. A auga lustral
1Díxolles o Señor a Moisés e Aharón: 2—"Esta é a lei que preceptuou o Señor: Dilles ós fillos de Israel que collan para ti unha vaca vermella sen defecto, que non teña defecto ningún e que aínda nunca foi xunguida. 3Entregarédela ó sacerdote Elazar, que a levará fóra do campamento, e será inmolada na súa presenza. 4O sacerdote Elazar tomará sangue dela co seu dedo e asperxerá co sangue sete veces en dirección á parte anterior da Tenda do Encontro. 5Logo fará queimar a vaca diante dos seus ollos; a pel dela, a súa carne e o seu sangue xunto co seu excremento, será todo queimado. 6O sacerdote collerá leña de cedro, hisopo e púrpura escarlata, e botaraos no medio da fogueira da vaca. 7Lavará despois os seus vestidos, bañará o seu corpo na auga e volverá logo ó campamento, pero quedará impuro ata a tarde. 8E aquel que queime a vaca tamén lavará a súa roupa e bañará o seu corpo en auga e quedará impuro ata a tarde. 9Un home puro recollerá as cinsas da vaca e depositaraas fóra do campamento, en lugar puro, onde se gardarán para a comunidade dos fillos de Israel, a fin de facer auga lustral. É un sacrificio polo pecado. 10Logo o que recolleu as cinsas da vaca, lavará os seus vestidos e quedará impuro ata a tarde. Esta será a lei perpetua tanto para os fillos de Israel como para o forasteiro que mora no medio deles.
Casos de impureza
11O que toque o cadáver de calquera ser humano, quedará impuro por sete días. 12Terase que lavar con aquela auga o día terceiro e no sétimo día, e quedará puro. Mais se non se lava no día terceiro e no dia sétimo, non quedará puro. 13Quen toque o cadáver dunha persoa, se non se purifica, profanou a morada do Señor, e ese tal terá que ser exterminado de Israel, porque a auga lustral non caeu sobre el: é impuro, e a súa impureza ficará sobre el.
14Esta é a lei: Cando un home morra nunha tenda, todo o que na tenda entre e canto na tenda exista, será impuro durante sete días. 15E todo vaso descuberto que non teña a tapa ben atada, será impuro. 16Calquera que no campo toque unha vítima da espada, ou un morto, ou ósos de home, ou unha tumba, será impuro sete días. 17Para este home impuro collerase cinsa da fogueira do sacrificio polo pecado, e sobre ela verterase auga corrente dentro dun vaso. 18Logo un home puro collerá hisopo, mollarao na auga e asperxerá a tenda, así como todos os utensilios e persoas que alí haxa, como tamén a quen tocou os ósos, a vítima, o morto ou a tumba. 19O home puro asperxerá o inmundo no terceiro dia e no día sétimo; no sétimo día darao purificado, e entón lavará os seus vestidos e bañarase en auga, e á tarde quedará puro. 20Pero se o home que é impuro non se purifica, deberá ser botado do medio da comunidade, por contaminar o santuario do Señor; as augas lustrais non foron asperxidas sobre el, está impuro. 21Esta será unha lei perpetua para eles. O que asperxeu auga lustral, terá que lavar os seus vestidos; e o que foi tocado coa auga lustral será impuro ata a tarde. 22Todo o que toque a quen é impuro, quedará impuro; e toda persoa que o toque a el, quedará impura ata a tarde".

Currently Selected:

Números 19: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Números 19