Números 18
18
Funcións e dereitos dos levitas
1Díxolle o Señor a Aharón: —"Ti e os teus fillos e a casa de teu pai cargaredes coa responsabilidade das faltas cometidas no Santuario; ti e teus fillos cargaredes coa responsabilidade dos pecados cometidos no exercicio do voso sacerdocio. 2Toma tamén contigo ós teus irmáns, a tribo de Leví, liñaxe do teu pai, para que contigo se unan e te axuden cando ti e os teus fillos estiverdes diante da Tenda do Testemuño. 3Estarán ó teu servizo e ó da Tenda enteira, pero non se acercarán ós obxectos sagrados nin ó altar, para que non morran nin eles nin vós. 4Soamente eles estarán contigo no servizo da Tenda do Encontro, para todo o servizo da Tenda; ningún estraño se acercará a vós. 5Soamente vós atenderedes o servizo do Santuario e o servizo do altar, para que a cólera non se levante máis sobre os fillos de Israel. 6De feito fun eu quen escollín os fillos de Leví, vosos irmáns, do medio dos fillos de Israel e volos entreguei como oblación ó Señor, para faceren o servizo da Tenda do Encontro. 7Ti, non obstante, e teus fillos contigo exerceredes a vosa función sacerdotal en todo o que toca ó altar e á parte interior do veo: é unha doazón que vos fago eu a vós, o voso sacerdocio, e calquera estraño que se aproxime, morrerá".
O destino dos tributos
8E díxolle o Señor a Aharón: —"Son eu quen poño á túa disposición todas as ofrendas que me pertencen; e todas as cousas consagradas polos fillos de Israel, douchas a ti e a teus fillos por dereito perpetuo, e serán santas. 9Isto é o que che tocará a ti das cousas máis sagradas, fóra do que é queimado no lume: todas as ofrendas que me presenten nas súas diversas oblacións, nos seus sacrificios polo pecado e sacrificios polo delito: como cousa santísima, corresponderanche a ti e a teus fillos. 10Comerédelas en lugar santísimo; todo varón as poderá comer; será cousa santa para ti. 11Tamén serán para ti estas outras cousas: os tributos de todas as doazóns dos fillos de Israel dóuvolos a ti e ós teus fillos e ás túas fillas, como dereito perpetuo. Poderaos comer calquera da túa familia que estiver puro. 12O mellor do aceite novo e o mellor do viño e do trigo, as primicias que se ofrecen ó Señor, douchas a ti. 13As primicias de todas as cousas da terra, na que vos vou facer entrar, que lle pertencen ó Señor, serán para ti; soamente os que estean puros da túa familia as poderán comer. 14Todo canto sexa consagrado en Israel será para ti. 15Todos os seres de calquera criatura que nacen os primeiros, sexan homes ou animais, que sexan presentados ó Señor, serán para ti, agás os primoxénitos do home, que o terás que rescatar, como tamén rescatarás os dos animais. 16Canto ó seu rescate, será desde a idade dun mes, e conforme a túa valoración: cinco siclos de prata, conforme o siclo do Santuario, que vale vinte óbolos cada un. 17Pero non rescatarar o primeiro froito dunha vaca, o primeiro nacido dunha ovella ou o primeiro nacido dunha cabra: son cousa sagrada. O seu sangue derramaralo sobre o altar, e farás arder a súa graxa en ofrenda de aroma agradable ó Señor. 18A súa carne, con todo, será para ti; e tamén o peito abalado ritualmente e a perna dereita serán para ti. 19Todos os impostos das cousas santas que os israelitas consagran ó Señor douchas a ti e ós teus fillos e ás túas fillas, en dereito perpetuo. É unha alianza selada con sal perdurable ante o Señor, para ti e a túa descendencia".
Décimos para os levitas
20Díxolle o Señor a Aharón: —"Non posuirás herdanza ningunha na súa terra nin terás parte ningunha no medio deles: eu son a túa parte e a túa herdanza no medio dos israelitas. 21Canto ós fillos de Leví, doulles por herdanza todos os décimos percibidos en Israel, polo servizo que me teñen que facer na Tenda do Encontro. 22De agora en diante os fillos de Israel non se aproximarán máis á Tenda do Encontro, para que non incorran en pecado castigado con pena de morte. 23Só os levitas farán o servizo da Tenda do Encontro, e eles cargarán coa iniquidade dos israelitas. É un estatuto perpetuo nas vosas sucesivas xeracións, e no medio dos israelitas non haberán de ter herdanza. 24Porque eu lles dou ós levitas en herdanza o décimo que os fillos de Israel ofrecerán como oblación ó Señor. Por iso lles dixen: no medio dos fillos de Israel non han ter herdanza".
25O Señor faloulle a Moisés: 26—"Dilles ós levitas: Cando recibades dos fillos de Israel o décimo que vos dei en herdanza, ofrendaredes unha parte del, como oblación, ó Señor, o décimo do décimo. 27E valeravos como tributo voso, como se for trigo da eira, ou mosto do lagar. 28Así tamén ofreceredes unha oblación ó Señor de todos os vosos décimos, de canto recolledes dos fillos de Israel e darédesllos ó sacerdote Aharón, como oblación do Señor. 29De todas as doazóns que recibades, separades unha parte para o Señor; tomaredes como décimos o mellor, e neles o mellor como parte consagrada. 30Logo diraslles: Cando teñades separado o mellor das ofrendas, reservarase o resto para os levitas, coma se fose para vós o produto da eira ou o do lagar. 31Poderédelo comer en calquera lugar, vós e a vosa casa, pois constitúe o voso salario a cambio do voso servizo na Tenda do Encontro. 32Así, unha vez que teñades deducido disto o mellor, non incorreredes con este motivo en pecado; así, non profanaredes as cousas santas dos fillos de Israel, e non morreredes".
Currently Selected:
Números 18: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT