Números 17
17
Castigo dos partidarios de Coré
1Díxolle o Señor a Moisés:
2—"Manda que Elazar, fillo do sacerdote Aharón, retire os incensarios que están no medio do lume e que espalle as brasas, porque son santas. 3Os incensarios deses que morreron polo seu pecado, sexan reducidos a láminas para recubrir o altar, porque foron ofrecidos ó Señor e están santificados. Serviranlles de sinal ós fillos de Israel". 4O sacerdote Elazar colleu, logo, os incensarios de bronce que ofreceran os mortos polo lume, e laminounos para recubrir o altar. 5Isto era coma un aviso para os fillos de Israel, a fin de que ningún estraño que non pertenza á descendencia de Aharón se aproxime a queimar incenso diante do Señor e non sufra a sorte de Coré e a súa facción, conforme o Señor lle ordenara por medio de Moisés.
Nova murmuración do pobo e intercesión de Aharón
6O día seguinte, toda a comunidade dos fillos de Israel murmurou contra Moisés e Aharón, dicindo: —"Vós matastes o pobo do Señor!" 7E aconteceu que, mentres se xuntaba a comunidade contra Moisés e contra Aharón, estes achegáronse á Tenda do Encontro, e de seguida os cubriu a Nube e apareceu a Gloria do Señor. 8Moisés e Aharón chegáronse diante da Tenda do Encontro, 9e o Señor faloulles: 10—"Retirádevos do medio desta comunidade, pois vouna consumir nun instante!" Eles prostráronse por terra, 11e Moisés díxolle a Aharón: —"Colle o incensario e pon nel lume collido do altar e bótalle enriba incenso; vai despois axiña ó medio do pobo e ofrece expiación por eles, porque xa saíu a cólera do Señor: xa comezou o castigo". 12Aharón colleu o incensario, conforme lle indicara Moisés, e foi correndo ó medio do pobo, pois xa comezara o castigo entre o pobo; puxo incenso e fixo a expiación polo pobo. 13Colocouse de pé entre os mortos e os vivos, e o castigo cesou. 14Foron os mortos polo castigo 14.700, sen contar os mortos por culpa da revolta de Coré. 15Aharón volveu onda Moisés, á entrada da Tenda do Encontro, porque o castigo xa cesara.
A vara de Aharón
16Díxolle o Señor a Moisés: 17—"Fálalles ós fillos de Israel e toma deles unha vara por cada casa patriarcal, de parte de todos os príncipes, segundo a súa casa paterna, isto é, doce varas. Escribirás o nome de cada un sobre cada vara. 18Pero na vara de Leví escribirase o nome de Aharón, pois só haberá unha vara por casa patriarcal. 19E mandaralas pousar na Tenda do Encontro, diante do Testemuño, onde eu me aparezo a ti. 20Agora ben, acontecerá que a vara do home que eu escolla, florecerá; así farei cesar as queixas, que os fillos de Israel murmuran contra vós".
21Faloulles Moisés ós fillos de Israel. Todos os seus príncipes lle deron a súa vara, cada un a súa, segundo as casas paternas, ou sexa, doce varas, e a vara de Aharón estaba entre elas. 22Moisés puxo as varas diante do Señor na Tenda do Testemuño. 23E aconteceu que ó día seguinte, cando entrou Moisés na Tenda do Testemuño, achou que a vara de Aharón, correspondente á casa de Leví, estaba florecida: aparecéranlle os botóns, saíranlle flores e dera améndoas. 24Moisés levou da presenza do Señor todas as varas ós fillos todos de Israel. Recoñecéronas, e cada un recolleu a súa. 25O Señor díxolle a Moisés: —"Torna a levar a vara de Aharón diante do Testemuño, para que sirva de sinal contra os fillos rebeldes, e para que cesen as súas queixas diante de min, e non morran".
26Fíxoo Moisés; como o Señor lle mandara, así o fixo.
27Os fillos de Israel dixéronlle a Moisés: —"Mira que somos consumidos, xa perecemos, todos nós perecemos! 28Calquera que se aproxima ó Tabernáculo do Señor, morre sen remedio! Acaso acabaremos por morrer todos?"
Currently Selected:
Números 17: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT