Números 16
16
Revolta de Coré, Datán e Abiram
1Coré, fillo de Ishar, fillo de Quehat, fillo de Leví; e Datán e Abiram, fillos de Eliab, fillo de Pélet, fillo de Rubén, 2levantáronse contra Moisés con douscentos cincuenta homes dos fillos de Israel, príncipes da comunidade, membros do consello, persoas que eran das máis significadas e sinaladas polo seu nome. 3Subleváronse contra Moisés e contra Aharón, e dixéronlles: —"Xa é abondo! Toda a comunidade é santa, todos eles o son, e no medio deles está o Señor. Por que vos elevades vós sobre a comunidade do Señor?" 4Logo de oír isto, Moisés botouse rostro en terra. 5Despois díxolles a Coré e a toda a súa facción: —"Mañá o Señor dará a coñecer quen é seu e quen é santo, e farao achegarse a El: ó que teña escollido, farao achegarse. 6Facede isto: collede cada un o voso incensario, Coré e toda a súa facción, 7e mañá ponde neles lume e botade enriba incenso diante do Señor. O home que o Señor escolla, ese será o santo. Abonda xa, fillos de Leví!"
8Moisés díxolle a Coré: —"Escoitade, por favor, fillos de Leví! 9Parécevos pouco para vós que o Deus de Israel vos separase da comunidade israelita e vos aproximase a El, para que desempeñedes o servizo do Tabernáculo do Señor e para vos manter na presidencia da comunidade e oficiar por ela? 10Ademais, aproximouvos a ti e a todos os teus irmáns, fillos de Leví, e reclamades aínda o sacerdocio? 11Ti e toda a túa facción sublevástesvos contra o Señor; pois quen é Aharón para que murmuredes contra el?".
12Moisés mandou chamar a Datán e Abiram, fillos de Eliab, que responderon: —"Non iremos! 13É pouco obrigarnos a subir dun país que deita leite e mel, e facernos morrer no deserto, para que, enriba, pretendas tamén señorearte de nós? 14Abofé, non nos trouxeches a un país que deita leite e mel, nin nos deches en herdanza campos e viñas! Pensas arrincar os ollos desta xente? Non iremos!" 15Moisés alporizouse moito, e díxolle ó Señor: —"Non te volvas para a súa oblación! Nin un asno só lles quitei nin maltratei a ningún deles".
16Logo Moisés díxolle a Coré: —"Mañá ti e toda a túa facción presentádevos ante o Señor; ti, eles e mais Aharón. 17Collede cada un o voso incensario, ponde nel incenso, e ofrecede ante o Señor cada un o voso, en total douscentos cincuenta incensarios. Tamén ti e Aharón, cada un co seu incensario". 18Colleron, pois, cadanseu incensario, puxeron neles lume, botándolle enriba incenso, e puxéronse á entrada da Tenda do Encontro con Moisés e Aharón.
19Coré congregara contra eles a toda a comunidade á entrada da Tenda do Encontro. Entón a Gloria do Señor apareceu ante toda a asemblea. 20O Señor díxolles a Moisés e Aharón: 21—"Separádevos do medio desta comunidade, para que de improviso os destrúa!" 22Eles, entón, caeron co rostro por terra e exclamaron: —"Deus, o noso Deus, fonte do espírito de todos os viventes!, acaso, se un home só peca, acenderase a túa ira contra toda a comunidade?" 23O Señor faloulle a Moisés, para lle dicir: 24—"Fálalle á comunidade: afastádevos das tendas de Coré, Datán e Abiram!"
25Levantouse Moisés e foi onda Datán e Abiram e seguírono os anciáns de Israel. 26Entón díxolle á comunidade: —"Afastádevos, por favor, de onda as tendas destes homes perversos, e non toquedes nada de canto lles pertence, para que non sexades arrastrados no medio dos seus pecados!" 27Afastáronse, logo, de onda as tendas de Coré, Datán e Abiram. Mentres, Datán e Abiram saíran e mantíñanse firmes á entrada das súas tendas coas súas mulleres, os seus fillos e demais parentes. 28Entón dixo Moisés: —"Nisto recoñeceredes que o Señor me mandou para facer todas estas accións, e que non fago nada pola miña conta: 29se todos estes homes morren de morte natural, e lles toca a mesma sorte que a todos os homes, non foi o Señor quen me enviou; 30pero se o Señor fai un portento e a terra abre a súa boca e os engole con todo o que lles pertence, de sorte que baixen vivos á morada dos mortos, entón saberedes que estes homes blasfemaron contra o Señor". 31E aconteceu que, tan pronto como acabou de falar, fendeuse a terra debaixo dos seus pés. 32A terra abriu a súa boca e enguliunos a eles e ás súas familias, toda a xente de Coré e toda a súa facenda. 33Descenderon, pois, vivos á morada dos mortos, eles e todos os seus; a terra pechouse sobre eles, e desapareceron do medio da comunidade. 34Todos os israelitas que estaban arredor deles fuxiron ante os seus berros, pois dicían: —"Non sexa que nos engula a terra!". 35E ó mesmo tempo saíu un lume da parte do Señor e devorou os douscentos cincuenta homes que ofrecían o incenso.
Currently Selected:
Números 16: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT