YouVersion Logo
Search Icon

Números 12

12
Murmuracións de María e mais Aharón, e o seu castigo
1María e Aharón murmuraron de Moisés por causa da muller cuxita, coa que casara. 2Dixeron: —"Por ventura o Señor lle falou a el só? Non nos ten falado tamén a nós? E chegou isto ós oídos do Señor". 3Era Moisés un home moi humilde, máis ca todos os homes que había na terra. 4E de seguida díxolles o Señor a Moisés, Aharón e María: —"Saíde vós os tres á Tenda do Encontro!" Saíron, logo, eles tres, 5e, descendendo o Señor na columna de nube, parou á entrada da Tenda e chamou a Aharón e María. Saíron ámbolos dous 6e díxolles El: —"Escoitade ben as miñas palabras! Se entre vós hai algún profeta, eu, o Señor, en visión revélome a el, e fálolle en soños. 7Non ocorre así co meu servo Moisés, que é fiel entre todos os da miña casa. 8Cara a cara falo con el, en visión directa e non por enigmas, e contempla a figura do Señor. Como non temestes vós falar contra o meu servo, contra Moisés?"
9Acendeuse a cólera do Señor contra eles, e foise.
10E a nube retirouse da Tenda, e coa mesma María apareceu cuberta de lepra, branca coma a neve. Aharón volveuse para María e viuna leprosa. 11Díxolle Aharón a Moisés: —"Por favor, meu Señor, non poñas sobre nós este pecado, que neciamente cometemos! 12Rógoche que non sexa ela coma o nacido morto, que ó saír do ventre de súa nai ten xa consumida a metade da súa carne!" 13Moisés clamou ó Señor: —"Ou Deus, por favor, cúraa!"
14O Señor díxolle a Moisés:
—"Se o pai dela lle cuspise no rostro, non quedaría ela en vergonza durante sete días? Estea, pois, recluída sete días fóra do campamento, e despois poderá ser outra vez chamada"! 15María foi, pois, recluída sete días fóra do campamento, e o pobo non partiu ata que María non foi chamada de novo. 16Despois o pobo partiu de Haserot e foi acampar no deserto de Parán.

Currently Selected:

Números 12: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in