YouVersion Logo
Search Icon

Nahum 3

3
Oráculos de castigo contra Nínive
1Ai da cidade asasina! Toda ela é un grande engano,
está chea de botíns, non para de rapinar.
2Estalos das trallas, ruído e estrépito de rodas,
cabalos galopando, carros troupeleando,
3cabalos empinados, relucir de espadas,
chispear de lanzas, miles de mortos, moreas de cadáveres.
4Por culpa das moitas prostitucións da prostituta,
tan fermosamente agraciada, mestra de encantamentos,
a que trafica entre os pobos coas súas prostitucións,
entre os países cos seus encantamentos.
5Velaquí me tes contra ti —di o Señor dos Exércitos—:
Levantareiche as saias ata a cara,
para mostrarlles ás nacións a túa nudez,
e ós reinos as túas vergonzas.
6Tamén botarei por enriba de ti inmundicias,
tratareite con desprezo, volvereite un espectáculo.
7Sucederá que todo aquel que te vexa,
fuxirá de ti, e dirá:
"Nínive está arruinada, quen sentirá pena por ela?
De onde procurarei quen te console?"
Nínive non é mellor ca Tebas
8Acaso es ti mellor cá cidade de Amón,
asentada onda o Nilo, con auga ó seu arredor?
O seu antemuro era o mar; a auga, as súas murallas.
9Etiopía era a súa forza e tamén Exipto, forza sen límites.
Put e os libios estaban no teu exército.
10Tamén a cidade de Amón foi ó exilio,
ela foi á catividade;
os seus meniños foron esnaquizados nas encrucilladas de cada rúa.
Sobre os seus nobres botáronse sortes,
e todos os seus grandes foron atados con cadeas.
11Tamén ti te darás en aluguer, volverás a ser moza de rúa;
tamén ti buscarás refuxio onda os teus inimigos.
Inutilidade das defensas de Nínive
12Todas as túas fortificacións son figueiras,
e as túas tropas figos temperáns;
se as abalan, caen na boca de quen os come.
13Velaí as túas tropas: son mulleres;
as portas da túa cidade ábrenselles ós teus inimigos,
e o lume consome as túas trancas.
14Saca as augas para o asedio, reforza as túas cidadelas.
Entra na telleira e pisa o barro, colle con forza os moldes para os ladrillos.
15Velaí o lume que te vai devorar,
a espada farate desaparecer,
vaite devorar como se fose unha larva de saltón.
Multiplícate coma a eiruga do saltón,
multiplícate coma o saltón crecido.
16Multiplica os teus mercadores, máis cás estrelas do ceo:
a eiruga do saltón deixa o casulo e voa.
17Os teus gardas son coma saltóns;
e os teus oficiais de recrutamento, coma as eirugas,
que se poñen nas murallas un día de frío.
Sae o sol, e vanse, e o seu lugar non se coñece.
A desfeita de Nínive será ledicia para os que sintan falar dela
18Onde están durmindo os teus pastores, rei de Asiria?
Onde están descansando os teus nobres?
A túa tropa expira sobre os montes,
e non hai quen a xunte.
19Non hai alivio para a túa fractura,
a túa ferida é incurable.
Todos os que escoiten noticias túas,
baterán as palmas por ti,
pois sobre quen non pasou de cotío a túa ruindade?

Currently Selected:

Nahum 3: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in