YouVersion Logo
Search Icon

Habacuc 1

1
Título
1Oráculo que en visión lle foi encargado ó profeta Habacuc.
ORACIÓN DE LAMENTACIÓN POLA INXUSTIZA EN XUDÁ
2Ata que día, Señor, hei de estar pedindo auxilio,
sen que ti fagas caso?
Ata que día clamarei cara a ti: "Violencia", sen que salves?
3Por que me fas ver a iniquidade e me fas contemplar o crime?
Rapina e violencia diante de min: hai rifas e suscítase a disputa.
4Por iso o fallo xudicial desvirtúase
e a sentencia non sae con esplendor.
Si, o ruín asedia ó xusto; por iso o veredicto sae pervertido.
Oráculo de resposta divina: os caldeos, instrumentos do castigo de Deus
5Ollade para os pobos e observade ben,
estarrecede, asombrádevos,
que nos vosos días vou realizar unha obra:
non a creriades se volo contasen.
6Si, ollade que eu vou suscitar os caldeos,
pobo violento e rapidísimo,
que vai percorrer as anchuras da terra,
para apoderarse dos lugares que non son seus.
7É terrible e temible,
non recoñece máis có seu dereito e a súa grandeza.
8Os seus cabalos son máis áxiles cás panteras,
máis mordedores cós lobos da tarde.
Os seus cabalos galopan,
si, os seus cabaleiros veñen de lonxe,
voan coma a aguia que se lanza a pico para devorar.
9Todos eles veñen para causar violencia,
o ardor das súas caras é coma o vento soán:
amorea cativos coma area.
10Si, búrlase dos reis, os príncipes son o seu riso.
Rise de todas as prazas fortes;
fai terrapléns e apodérase delas.
11Logo cámbialle o aire e vaise.
(É culpable, pois converteu a propia forza no seu deus).
Oración de lamentación colectiva: a inxustiza, cobiza e opresión dos caldeos contra as nacións
12Non es ti, desde os tempos antigos?
Non es ti o meu Deus, o meu Santo que non morre?
Ti, Señor, puxéchelo por executor da sentencia,
Ti, Penedo firme, establecíchelo para castigar.
13Os teus ollos son demasiado puros como para ver o mal,
non podes contemplar a opresión.
Por que contemplas os traidores, e quedas calado,
cando o malvado devora a quen é máis xusto ca el?
14Tratas a humanidade coma ós peixes do mar,
coma ós vermes que non teñen quen mande neles.
15El levanta a toda a humanidade co anzol,
érgueos para arriba coa súa rede,
e xúntaos na súa cesta:
velaí como se alegra e danza.
16Velaí como ofrece sacrificios á súa rede;
e incenso, á súa cesta,
pois con elas está ben engraxada a súa ración,
e a súa comida, con carne exquisita.
17Seguirá baleirando constantemente a súa rede,
asasinando pobos sen compaixón?

Currently Selected:

Habacuc 1: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Habacuc 1