YouVersion Logo
Search Icon

Nahum 2

2
Oráculo salvífico, dirixido a Xudá e Israel
1Velaí: polos montes corre un mensaxeiro de boas novas,
anuncia a paz:
Celebra as túas festas, Xudá, cumpre os teus votos,
que "o que non aproveita" xa non cruzará máis polo medio de ti;
está sendo aniquilado totalmente.
A CAÍDA DE NÍNIVE
Visión da caída de Nínive
2Unha forza de choque atácate de fronte.
Monta garda na praza forte, vixía o camiño,
cingue ben o teu lombo, fortalece ó máximo a túa forza.
3Certo, o Señor volverá á viña de Xacob; si, á viña de Israel.
Tíñana arrasada os desoladores, tiñan esgazadas as súas vides.
4Os escudos dos seus soldados están vermellos,
os seus soldados están vestidos de púrpura.
Os carros brillan co relucir dos ferros,
o día da súa formación
axítanse coma as lanzas.
5Os carros dan voltas polas rúas,
corren dun lado para outro polas prazas,
parecen fachóns, lánzanse coma raios.
6El failles recordar algo ós seus capitáns,
tropezan entre si no camiño,
corren de présa cara ó muro da cidade,
e xa está preparado o refuxio.
7Ábrense as portas que dan ás canles
e o templo derrúbase.
8A imaxe da deusa é levantada e levada cativa,
laméntanse as súas sacerdotisas coma pombas que arrolan,
dan golpes sobre os seus corazóns.
Vanse as riquezas de Nínive
9Velaí Nínive!
Toda ela é unha poza: como corre a auga!
"Para, detente!" Pero non hai quen a faga dar volta.
10Saqueade a prata, saqueade o ouro!
Non ten fin a súa riqueza, o esplendor das súas alfaias.
11Pillaxe, saqueo, roubo! Os corazóns teñen quebrantos,
tremen os xeonllos, estremecementos por todo o corpo,
as caras de todos xúntanse ante tal maldición.
12Onde está a gorida dos leóns?
Onde está o campo de presa para os cachorros dos leóns?
Cara onde camiña o león para levar os cachorros da leoa,
sen que haxa quen os asuste?
13O león caza por causa dos cachorros, esnaquiza para as súas leoas;
a cova está chea coas súas presas, e o cubil cos anacos de carne.
14Velaquí me tes contra ti —di o Señor dos Exércitos—:
vou queimar na fumareda os teus carros
e a espada devorará os teus cachorros,
farei desaparecer da terra a túa cova,
e non se volverá a oír a voz dos teus mensaxeiros.

Currently Selected:

Nahum 2: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in