YouVersion Logo
Search Icon

Nahum 1

1
1Oráculo contra Nínive. Libro das visións de Nahúm, o elcuxita.
Himno ó poder do Señor, na súa ira e na súa bondade
2(Alef) Deus celoso e vingador é o Señor.
O Señor víngase dos seus adversarios,
El é quen se acende en ira contra os seus inimigos.
3O Señor vai de vagar para a ira, pero é grande en poder,
e non deixa sen castigo a ninguén.
(Bet) Ten o seu vieiro no furacán e na tormenta,
as nubes son o po dos seus pés.
4(Guímel) Arremete contra o mar e faino secar,
e todos os ríos quedan esteados.
(Dálet) Murchan Baxán e o Carmelo, e tamén a flora do Líbano.
5(He) Os montes tremen diante del, estremécense os outeiros.
(Vau) A terra soérguese ante a súa presenza,
o mesmo có orbe e todos os seus habitantes.
6(Zain) Na presenza do seu enfado, quen se terá de pé?
Si, quen se levantará ante a indignación do seu rostro?
(Het) O seu furor esténdese coma o lume, os penedos esnaquízanse ante El.
7(Tet) O Señor é bondadoso, é refuxio no día da angustia,
(Iod) El coñece os que confían nel, 8cando El pasa na inundación.
(Kaf) Realiza a destrución nos que se levantan contra El,
e ós seus inimigos perségueos na tebra.
Palabras dirixidas ós xudeus proasirios
9Que matinades vós contra o Señor?
El é quen realiza a destrución: a angustia non se levantará dúas veces.
10O mesmo ca unha silveira revolta serán consumidos totalmente;
coma a palla seca tamén eles serán devorados,
11pois de ti saíu o que maquina o mal contra o Señor,
o conselleiro do "que non aproveita".
Oráculo salvífico, dirixido a Xudá
12Así fala o Señor:
"Aínda que estean completos e sexan ben numerosos,
serán cortados e pasarán.
Humilleite, pero non te volverei humillar.
13Si, agora romperei o xugo que puxo sobre ti,
e rebentarei as túas cadeas".
Oráculo de castigo contra o rei Amón
14O Señor dá esta orde contra ti:
"Xa non se volverá a esparexer a semente da túa familia;
dos templos dos teus deuses farei desaparecer as imaxes esculpidas e as fundidas.
Prepararei a túa sepultura, pois tes pouco peso".

Currently Selected:

Nahum 1: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in