YouVersion Logo
Search Icon

Marcos 9

9
1E engadiu:
Tede por seguro que algúns dos aquí presentes non han morrer sen veren antes chegar o Reino de Deus con gran poder.
A transfiguración (Mt 17, 1-13; Lc 9, 28-36)
2Seis días despois colleu Xesús a Pedro, Santiago e Xoán, e subiu con eles sós ó coto dun monte. Alí transfigurouse na súa presenza. 3Os seus vestidos viráronse resplandecentes, brancos coma ningún bataneiro do mundo os podería branquexar. 4Nisto apareceron Elías e mais Moisés, e estaban a falar con Xesús. 5E Pedro, tomando a palabra, díxolle a Xesús:
Mestre, que ben estamos aquí! Imos facer tres tendas: unha para ti, outra para Elías e a outra para Moisés.
6Tan asustado estaba, que non sabía o que dicía. 7E unha nube cubriunos coa súa sombra, mentres saía dela unha voz:
Este é o meu fillo benquerido, escoitádeo.
8E de súpeto, mirando arredor, xa non viron a ninguén, fóra de Xesús. 9Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles que non contasen nada ata que o Fillo do Home resucitase de entre os mortos. 10Eles colleron ben o aviso; pero empezáronse a preguntar uns a outros o que querería dicir aquilo de "cando resucite de entre os mortos". 11E preguntáronlle:
Como é que din os letrados que primeiro ten que vir Elías?
12El contestoulles:
Elías ten que vir primeiramente a restablecelo todo. Pero entón, como é que está escrito que o Fillo do Home ten que padecer moito e ser aldraxado? 13O que vos digo é que Elías xa veu e que fixeron con el canto lles petou, como estaba escrito del.
O neno epiléptico (Mt 17, 14-21; Lc 9, 38-43)
14O chegaren onde estaban os outros discípulos, atoparon moita xente arredor, e uns letrados discutindo con eles. 15En canto que a xente o albiscou, correu sorprendida a saudalo. 16El preguntoulles:
De que estades a discutir?
17Un deles respondeu:
Mestre, trouxen o meu fillo, que ten un espírito que non o deixa falar. 18Cando se apodera del, tírao no chan, o rapaz bota escuma pola boca, e renxe os dentes, e fica teso. Rogueilles ós teus discípulos que o librasen, e non puideron.
19El contestou:
Oh xeración incrédula! Ata cando terei que estar convosco? Ata cando terei que aturarvos? Traédemo acá.
20Trouxéronllo, e, mal viu a Xesús, o espírito sacudiu violentamente o neno, que rolou polo chan, escumando pola boca. 21Entón preguntoulle Xesús ó pai:
Desde cando anda así?
El respondeulle:
Desde picariño. 22E hai veces que mesmo o bota no lume ou na auga, para acabar con el. Pero se podes facer algo, ten dó do rapaz e bótanos unha man.
23Xesús contestoulle:
Como que "se podo"? Para quen ten fe non hai imposibles.
24Inmediatamente, o pai do neno exclamou:
Creo; axúdame no que lle falta á miña fe!
25Vendo Xesús que a xente se amoreaba, increpou ó espírito malo:
Espírito mudo e xordo, mándocho eu: sae deste rapaz e non volvas entrar nel nunca máis.
26E dando berros e fortes sacudidas, saíu, deixando o neno coma morto; de tal xeito que moitos xa dicían que morrera. 27Pero Xesús, colleuno pola man e ergueuno ata que se mantivo de pé.
28O entraren con el na casa, preguntábanlle á parte os discípulos:
E por que non o demos botado nós?
29El respondeulles:
Esta caste non sae se non é a forza de oración.
Novo anuncio da paixón (Mt 17, 22-23; Lc 9, 44-45)
30E marcharon de alí, atravesando a Galilea sen enredar nela, porque non quería que o soubese ninguén; 31pois ía informando ós discípulos, dicíndolles:
O Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes, que o matarán; pero, despois de morto, pasados tres días, ha resucitar.
32Eles non entendían o que lles dicía, pero non se atrevían a preguntarllo.
Quen é o mais importante? (Mt 18, 1-5; Lc 9, 46-48)
33Chegaron a Cafarnaún, e, cando estaban na casa, preguntoulles:
De que viñades discutindo polo camiño?
34Eles calaron, porque no camiño discutiran entre si sobre quen era o máis importante. 35Xesús sentou, chamou polos Doce e díxolles:
O que queira ser o primeiro, que sexa o derradeiro e o servidor de todos.
36E, collendo un neno, púxoo no medio deles e abrazándoo, dixo:
37Quen acolle a un destes nenos no meu nome, acólleme a min; e quen me acolle a min, non é a min a quen acolle, senón a Aquel que me mandou.
Quen non está contra nós, está connosco (Lc 9, 49-50)
38Díxolle Xoán:
Pois vimos un que botaba demos no teu nome e quixémosllo privar porque non é dos nosos.
39Xesús contestoulle:
Pois non llo privedes, porque ninguén que faga milagres no meu nome fala despois mal de min. 40O que non está contra nós, está connosco. 41Ademais, todo aquel que vos dea un vaso de auga por serdes seguidores de Cristo, tende por seguro que non quedará sen recompensa.
O escándalo (Mt 18, 6-9)
42E a quen escandalizar un destes pequeniños que cren en min, éralle mellor que lle colgasen do pescozo unha pedra de muíño, e o largasen ó mar. 43-44E se a túa man te fai caer, córtaa: máis che vale entrar toco na vida que ir parar coas dúas mans ó inferno, no lume que nunca se apaga. 45-46E se o teu pé te fai caer, córtao: mellor será que entres coxo na vida, que ir dar cos dous pés no inferno. 47E se o teu ollo te fai caer, arríncao: máis che vale entrar cego no Reino de Deus e non que te boten cos dous ollos no inferno, 48onde o verme non morre nin o lume se apaga.
49Pois todo se salga co lume. 50O sal é bo, pero se o sal se volve insulso, con que o salgaredes? Que non falte o sal entre vós, e vivide en paz.

Currently Selected:

Marcos 9: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in