Marcos 8
8
Segunda multiplicación do pan (Mt 15, 32-39)
1Por aqueles días, como se xuntaba tamén moita xente arredor de Xesús e non tiñan que comer, chamou polos discípulos e díxolles:
2Dáme pena esta xente: hai tres días que vén detrás miña e non ten nada que comer. 3Se os mando para as súas casas, sen que metan algo na boca, poden esmorecer polo camiño, que moitos deles véñenvos de ben lonxe.
4Os discípulos responderon:
E de onde se pode quitar, en pleno descampado, pan abondo para fartalos?
5E preguntoulles:
E logo canto pan tendes?
Responderon:
Temos sete bolos.
6Foi el e mandou que a xente sentase no chan; despois colleu os sete bolos, rezou a acción de grazas, partiunos e déullelos ós seus discípulos, para que os repartisen entre a xente; e así o fixeron. 7Tiñan tamén algúns peixes; el bendiciunos e mandou que os repartisen. 8A xente comeu a fartar, e cos anacos que sobraron encheron sete cestas. 9Eran uns catro mil. Despediunos, 10e de seguida embarcou cos seus discípulos, marchando para a rexión de Dalmanuta.
Os fariseos piden un sinal (Mt 16, 1-4)
11Uns fariseos saíronlle ó paso, e metéronse a discutir con el. Para probalo, pedíronlle un sinal do ceo. 12El deu un profundo suspiro, e dixo:
Por que esta clase de xente reclama un sinal? Pois asegúrovos que a esta xente non se lle dará sinal ningún.
13Así, deixounos, volveu embarcar e foise para a outra banda.
O fermento dos fariseos (Mt 16, 5-12)
14Os discípulos esqueceran levar pan, e non tiñan máis ca un bolo na barca. 15Xesús recomendoulles:
Tende coidado, e gardádevos do fermento dos fariseos e do fermento de Herodes.
16Pero eles latricaban entre si: "o caso é que non temos pan".
17Xesús decatándose díxolles:
Como! Así que estades a falar de que non tendes pan! Seica non acabades de entender, nin caedes na conta do que quero dicir? Tan cegos estades? 18Tendes ollos, e non vedes; oídos e non oídes? Xa non vos acorda 19cantas cestas de sobras recollestes, cando repartín cinco bolos de pan entre cinco mil persoas?
Contestaron:
Foron doce.
20E cando repartín sete bolos entre catro mil, cantas cestas recollestes?
Responderon:
Recollemos sete.
21E concluíu:
E logo aínda non comprendedes?
Curación dun cego
22Chegaron a Betsaida, e trouxéronlle un cego, pedíndolle que o tocase. 23El, collendo o cego pola man, sacouno para fóra da aldea; botoulle cuspe nos ollos, estendeu as mans sobre el, e preguntoulle:
Ti ves algo?
24El, que comezaba a albiscar algo, dixo:
Vexo homes, aínda que me parecen árbores que andan.
25Púxolle outra vez as mans nos ollos; entón empezou a enxergar ben: estaba curado, e vía todo claramente. 26Logo mandouno para a casa, dicíndolle:
Nin tan sequera entres na aldea.
A confesión de fe de Pedro, e o primeiro anuncio da paixón (Mt 16, 13-23; Lc 9, 18-22)
27Ía Xesús cos seus discípulos cara ás aldeas de Cesarea de Filipo, e polo camiño preguntoulles:
Quen di a xente que son eu?
28Eles responderon:
Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; e outros, que algún dos profetas.
29El preguntoulles a eles:
E vós, quen dicides que son?
Respondeu Simón Pedro:
Ti es o Mesías.
30E prohibiulles diciren nada a ninguén.
31Entón, con toda claridade, empezou a adoutrinalos acerca de que era preciso que o Fillo do Home padecese moito, e que o rexeitasen os anciáns, os Sumos Sacerdotes e mais os letrados; que o ían matar, e que ós tres días había resucitar.
32Explicoulles isto con toda claridade. Entón Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifarlle. 33Pero Xesús volvéndose cara ós discípulos, reprendeuno:
Arreda de min, Satán, que ti non te me deixas guiar por Deus, senón polos homes!
Como seguir a Xesús (Mt 16, 24-28; Lc 9, 23-27)
34E chamando á xente onda os seus discípulos, díxolles a todos:
Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, cargue coa súa cruz, e que me siga. 35Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa e pola do Evanxeo, ese poñeraa a salvo. 36Pois de que lle serve ó home gañar o mundo enteiro, se perde a súa vida? 37E que pode dar un home para recobrar a súa vida? 38Porque quen se avergonce de min e das miñas palabras, nesta xeración idólatra e pecadora, tamén o Fillo do Home se avergonzará del, cando veña na gloria de seu Pai entre os santos anxos.
Currently Selected:
Marcos 8: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT