YouVersion Logo
Search Icon

Marcos 10

10
O divorcio (Mt 19, 1-19)
1De alí foise para os lindeiros de Xudea, na outra banda do Xordán. A xente amoreábase de novo no seu camiño, e, coma sempre, púxose a ensinar.
2Achegáronselle algúns fariseos, preguntándolle para probalo, se lle está permitido ó home repudiar a muller. 3El replicoulles:
Que foi o que mandou Moisés?
4Respondéronlle:
Moisés permitiu despedila, dándolle certificado de divorcio.
5Díxolles Xesús:
Tendo en conta a dureza de voso corazón, escribiu Moisés para vós esa norma. 6Pero desde o principio da creación, fíxoos varón e femia. 7Por iso deixará o home a seu pai e mais a súa nai, unirase coa súa muller, 8e serán os dous unha soa carne. De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. 9O que Deus uniu, que non o separe o home.
10Xa na casa, os discípulos volvéronlle a preguntar acerca disto. 11El díxolles:
O que repudia a muller e casa con outra, comete adulterio contra a primeira. 12E se a muller abandona o marido e casa con outro, comete adulterio.
Bendí os nenos (Mt 19, 13-15; Lc 18, 15-17)
13E leváronlle uns nenos para que os tocase. Pero os discípulos rifábanlles. 14Mais a Xesús non lle gustou aquilo e dixo:
Deixade que os nenos se acheguen a min; non llelo impidades, porque deles é o Reino de Deus. 15Asegúrovos que aquel que non reciba coma un neno o Reino de Deus, non entrará nel.
16E abrazounos e bendiciunos e impúxolles as mans.
O mozo rico (Mt 19, 16-22; Lc 18, 18-23)
17No preciso momento en que se puña en camiño, chegou un a correr, que se axeonllou diante del e que lle preguntou:
Mestre bo, que teño que facer para acadar a vida eterna?
18Xesús contestoulle:
E por que me chamas bo? Ninguén e bo, fóra de Deus. 19Xa sabes os mandamentos: Non mates, non cometas adulterio, non roubes, non deas falso testemuño, non defraudes, honra a teu pai e mais a túa nai.
20El respondeu:
Mestre, todas esas cousas gardeinas desde a miña mocidade.
21Entón Xesús pousou nel a súa ollada chea de cariño e engadiu:
Aínda che falta unha cousa: vai, vende todo o que tes, e repárteo entre os pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme.
22Ante estas palabras mudóuselle o rostro e marchou moi apesarado, pois tiña moitos bens.
O perigo das riquezas (Mt 19, 23-30; Lc 18, 24-30)
23Xesús mirando todo arredor, díxolles ós discípulos:
Que difícil lles vai ser ós ricos entrar no Reino de Deus!
24E os discípulos ficaron moi sorprendidos por estas palabras. Pero Xesús volveu a insistir:
Fillos, que difícil é entrar no Reino de Deus! 25É máis doado para un camelo pasar polo ollo dunha agulla, do que para un rico entrar no Reino de Deus.
26Eles, aínda moi asombrados, comentaban entre si:
Entón, quen se vai poder salvar?
27Xesús, mirando para eles fixamente, dixo:
Si, para os homes é imposible, pero non para Deus; pois todo é posible para Deus.
28Colle Pedro e di:
Pois nós deixámolo todo, e seguímoste.
29Dixo Xesús:
Tende por seguro que non hai ninguén que deixe casa ou irmáns ou irmás ou nai ou pai, ou fillos ou leiras por cousa miña e polo Evanxeo, 30que pase sen recibir cen veces máis en casas, irmáns, irmás, nai, pai, fillos e leiras (aínda que con persecución) agora, e que no mundo futuro non reciba a vida eterna. 31E moitos que son os primeiros serán os últimos; e moitos que son os últimos serán os primeiros.
Terceiro anuncio da paixón (Mt 20, 17-19; Lc 18, 31-34)
32Subían camiño de Xerusalén, e Xesús ía diante; os discípulos, aínda asombrados, ían tras el con medo. E levando á parte ós Doce, empezoulles a falar do que lle ía acontecer.
33Vede que subimos a Xerusalén, e ó Fillo do Home vano entregar ós sumos sacerdotes e mais ós letrados; condenarano a morte, e entregarano ós pagáns. 34Burlaranse del, cuspiranlle, azoutarano, e logo matarano; pero ós tres días ha resucitar.
Petición de Santiago e Xoán (Mt 20, 20-28)
35Achegándose os fillos de Zebedeo Santiago e mais Xoán, dixéronlle:
Mestre, nós queriamos que nos fixeses o que che imos pedir.
36El preguntou:
E logo, que é o que queredes que vos faga?
37Contestáronlle:
Concédenos que na túa gloria sentemos un á túa dereita e outro á túa esquerda.
38Respondeulles Xesús:
Vós non sabedes ben o que pedides. Seredes capaces de beber o cáliz que eu teño que beber, e recibir o bautismo que eu teño que recibir?
39Respondéronlle:
Somos.
Xesús replicou:
O cáliz que teño que beber, si que o beberedes, e tamén recibiredes o bautismo que eu teño que recibir, 40pero o sentardes á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min o concedelo, senón que é para os que está reservado.
41O escoitaren isto, os outros anoxáronse con Santiago e con Xoán. 42Entón Xesús chamounos e díxolles:
Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. 43Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos, quen queira ser importante, que sirva os outros, 44e quen queira ser o primeiro, que sexa o máis servizal. 45Que o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir, e a entregar a súa vida en rescate por todos.
Curación dun cego (Mt 20, 29-34; Lc 18, 35-43)
46E chegou a Xericó. Cando saía cos seus discípulos e outra moita xente, Bartimeo, o fillo de Timeo, un cego pobre de pedir, estaba sentado a carón do camiño. 47Oíndo que pasaba Xesús o Nazareno, empezou a berrar:
Xesús, Fillo de David, ten piedade de min!
48Moitos mandábano calar; pero el berraba aínda máis alto:
Fillo de David, ten piedade de min!
49Deténdose Xesús, dixo:
Dicídelle que veña aquí.
E chamaron polo cego, dicíndolle:
Veña, érguete, que te chama!
50El, ceibándose do manto, veu dando brincos ata onde estaba Xesús. 51Este preguntoulle:
Que queres que che faga?
O cego respondeu:
Mestre, que volva a ver.
52Xesús díxolle:
Ve, salvoute a túa fe.
E no instante comezou a ver, e seguiuno polo camiño.

Currently Selected:

Marcos 10: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in