Marcos 7
7
Conflitos coas tradicións (Mt 15, 1-20)
1Reuníronse con Xesús un grupo de fariseos con algúns letrados chegados de Xerusalén, 2e viron ós discípulos comer con mans impuras, é dicir, sen antes lavaren as mans. 3(É sabido que os fariseos e os xudeus todos non comen sen lavaren ben as mans, seguindo así as vellas tradicións; 4e cando chegan da rúa, tampouco comen sen se bañaren antes; tamén están moi apegados a outras tradicións, coma o lavar vasos, xerras e bandexas). 5Por iso os fariseos e mais os escribas preguntáronlle:
Por que os teus discípulos non se portan conforme a tradición dos devanceiros, senón que comen con mans impuras?
6El contestoulles:
Que ben profetizou Isaías de vós, hipócritas, como está escrito:
Este pobo hónrame cos labios,
pero o seu corazón está lonxe de min.
7Danme un culto inútil,
porque a doutrina que ensinan
non son máis que costumes humanos.
8Rexeitades os mandados de Deus e agarrádesvos ás tradicións dos homes.
9E dicíalles:
Que ben quebrantades os preceptos de Deus, para conservar as tradicións humanas! 10Porque Moisés dixo: Coida de teu pai e mais de túa nai, e quen abandone a seu pai ou a súa nai é reo de morte. 11Pero vós dicides: Se un home dixese a seu pai ou a súa nai "o sustento que poderías recibir de min é korbán, é dicir, vai para o Templo coma ofrenda", 12xa non lles permitides facer nada por eles, 13invalidando o mandamento de Deus coa vosa tradición. E así facedes outras moitas cousas parecidas.
14E convocando á xente, dicíalles:
Escoitádeme todos e procurade entender. 15-16Nada do que hai fóra do home pode manchalo ó entrar nel; pero o que sae do home, iso si que o mancha.
17E cando entrou na casa, despois de deixar a xente, os discípulos preguntáronlle polo significado daquilo. 18Díxolles:
E logo vós tampouco sodes capaces de entender? Non comprendedes que todo o que vén de fóra e entra no home non o pode manchar, 19porque non penetra no seu corazón, senón no seu ventre, e de alí vai parar ó escusado?
Así declaraba puros todos os alimentos. 20E continuou:
O que sae de dentro, iso si que mancha; 21porque de dentro, do corazón do home, xorden os malos pensamentos, as fornicacións, os roubos, os asasinatos, 22os adulterios, as cobizas, as maldades, os fraudes, os desenfreos, as envexas, as blasfemias, a soberbia, os desatinos. 23Todos eses males saen de dentro e manchan o home.
VIAXE POR FÓRA DE GALILEA
A muller cananea (Mt 15, 21-28)
24E foi cara á terra de Tiro. Alí meteuse nunha casa, porque non quería que ninguén o recoñecese. Pero non lle foi posible pasar inadvertido, 25pois de seguida chegou unha mulleriña que tiña unha filla posuída por un espírito malo, e botóuselle ós pés. . 26Esta muller era pagá, unha sirio - fenicia, e rogáballe que lle librase a filla do espírito malo. 27Pero el díxolle:
Deixa que se farten primeiro os fillos, pois non é ben quitarlles o pan ós fillos, para botárllelo ós cans.
28Ela contestoulle:
Non é, Señor; non é; pero tamén os cadeliños apañan debaixo da mesa as faragullas que deixan caer os fillos.
29El díxolle entón:
Vaite, que polo que acabas de dicir xa o demo saíu da túa filla.
30E así foi: ó que chegou á casa, atopou a filla deitada na cama, libre do demo.
Curación dun xordomudo
31De novo, deixando Tiro, veu dar por Sidón ó mar de Galilea, atravesando a Decápole. 32Presentáronlle un xordomudo, e suplicáronlle que lle impuxese as mans. 33Xesús, separándoo da xente, meteulle os dedos nas orellas, e tocoulle a lingua con cuspe. 34Logo, erguendo os ollos ó ceo, suspirou e dixo:
Effatá (ou sexa: "ábrete").
35E no instante abríronselle os oídos, e falaba perfectamente. 36Logo prohibiulles contalo a ninguén; pero canto máis llelo prohibía, máis o espallaban. 37E a xente, totalmente abraiada, comentaba:
Que ben o fai todo! Fai que os xordos oian e que os mudos falen.
Currently Selected:
Marcos 7: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT