Marcos 6
6
Na sinagoga de Nazaret (Mt 13, 53-58; Lc 4, 16-30)
1Saíndo de alí, foise para a súa vila, acompañado polos seus discípulos. 2Cando chegou o sábado, empezou a ensinalos na sinagoga. E moita da xente que o escoitaba dicía abraiada:
De onde lle veñen a este todas esas cousas? Que sabedoría é esa que lle ensinaron, e como pode facer tantos milagres pola súa man? 3Non é este o carpinteiro, fillo de María e irmán de Santiago, Xosé, Xudas e mais Simón, e as súas irmás non viven aquí connosco?
Estaban realmente escandalizados. 4Pero Xesús díxolles:
Non hai profeta máis desprezado que na súa terra, na súa casa, ou entre os seus parentes.
5E non puido realizar alí ningún milagre, fóra dalgunhas curacións, que fixo impoñendo as mans. 6Estaba sorprendido por aquela incredulidade. E dedicouse a andar polas aldeas dos arredores, ensinando.
A misión dos apóstolos (Mt 10, 1. 9-15; Lc 9, 1-6)
7Entón chamou os Doce, e empezou a mandalos de dous en dous, dándolles poder sobre os espíritos malos. 8Recomendoulles que non levasen nada para o camiño, fóra dun caxato: nin pan, nin alforxas, nin cartos na faixa. 9Que calzasen sandalias, pero que non levasen máis ca unha túnica. 10E avisounos:
Cando entredes nunha casa, permanecede nela ata que vos marchedes. 11Se nalgún lugar non vos acolleren nin vos escoitaren, ídevos, sacudindo o po dos vosos pés, para que lles sirva de aviso.
12Marcharon, e predicaron a conversión. 13Botaban fóra moitos demoños, e curaban os enfermos, unxíndoos con aceite.
Morte de Xoán Bautista (Mt 14, 1-12; Lc 3, 19-20; 9, 7-9)
14Como a sona de Xesús se estendía por todas partes, chegou ós oídos do rei Herodes, xunto cos comentarios que facían: "é o mesmo Xoán Bautista resucitado de entre os mortos, e por iso actuaban nel eses poderes". 15Outros dicían que era Elías ou algún profeta. 16Pero Herodes dicía:
É Xoán Bautista, a quen eu mandei decapitar, que está resucitado. 17Porque Herodes mandara encadear a Xoán por causa de Herodías, a muller de seu irmán Filipo, coa que el casara. 18Xoán non paraba de lle dicir:
Non che está permitido vivir coa muller do teu irmán.
19Por iso Herodías colléralle xenreira a Xoán, e queríao matar. 20Pero Herodes temía a Xoán, sabendo que era home xusto e santo, e protexíao; mesmo lle gustaba oílo falar, aínda que quedase desacougado.
21Pero chegou a ocasión axeitada, cando Herodes no día que facía anos deu un banquete ós ministros, oficiais e xente importante de Galilea. 22Resulta que, entrando a filla da mesma Herodías, bailou moi ben, e gustoulle moito a Herodes e a todos os convidados. Entón o rei díxolle á rapaza:
Pídeme o que queiras, que cho hei dar.
23E xurou.
Dareiche o que me pidas, aínda que sexa a metade do meu reino.
24Vaise a rapaza onda a nai e pregúntalle:
Que lle pedirei?
Ela díxolle:
Pídelle a cabeza de Xoán Bautista.
25E volvendo axiña onda o rei, díxolle:
Quero que me deas de contado, nunha bandexa, a cabeza de Xoán Bautista.
26O rei púxose moi triste, pero, polos xuramentos e mais polos convidados, non quería defraudala. 27E de seguida mandou a un verdugo traer a cabeza de Xoán; cortoulla, 28tróuxoa nunha bandexa, para lla dar á rapaza, que non tardou en levarlla á súa nai. 29Cando os seus discípulos o souberon, recolleron o cadáver e fórono enterrar.
Primeira multiplicación do pan (Mt 14, 13-21; Lc 9, 10-17; Xn 6, 1-13)
30Cando volveron a reunirse con Xesús, os apóstolos contáronlle canto fixeran e ensinaran. 31El díxolles:
Vide vós comigo a un lugar arredado, e descansade un pouco.
Eran moitos os que ían e viñan, e nin para comer atopaban tempo.
32Fóronse sós na barca a un lugar arredado. 33Pero, ó velos marchar, a xente foinos seguindo por terra desde todas as vilas, e chegaron primeiro ca eles. 34Así, cando desembarcaron, atopouse cunha grande multitude. El, conmovido, porque eran coma ovellas sen pastor, púxose a predicar ensinándolles moitas cousas.
35Como se facía tarde, acercáronselle os discípulos e dixéronlle:
Por aquí non hai casas e xa pasa moito da hora: 36vai ser mellor que os despidas, para que vaian ás aldeas e vilas veciñas, e merquen algo de comer.
37Pero el respondeulles:
Dádelles vós de comer.
Contestaron:
Imos, logo, mercar douscentos denarios de pan para lles darmos de comer?
38El preguntoulles:
E, logo, canto pan tendes?
Fixeron o reconto e dixeron:
Por xunto temos cinco bolos e mais dous peixes.
39El mandounos sentar en grupos na herba verde. 40E fóronse sentando en grupos de cen ou cincuenta. 41El colleu os cinco bolos e mais os dous peixes, ergueu a vista ó ceo, bendiciunos, e partiu os bolos, e déullelos ós discípulos, para que os servisen; e repartiu tamén os dous peixes entre todos.
42Comeron todos ata se fartaren 43e recolleron de anacos e das sobras dos peixes doce cestos cheos. 44E os que comeran os pans eran cinco mil homes.
Anda por riba da auga (Mt 14, 22-33; Xn 6, 16-21)
45De seguida mandou ós seus discípulos que embarcasen e fosen indo diante para Betsaida, mentres el despedía a xente. 46E cando rematou de se despedir, foi orar ó monte.
47Fíxose noite, e a barca estaba no medio do mar, mentres el quedaba só en terra. 48Vendo o fatigados que estaban de tanto vogar co vento en contra, ó raiar o día foi cara a eles, andando polo mar. 49Pero eles, ó velo andar polo mar, coidaron que era unha pantasma, e empezaron a berrar. 50Mais el de contado faloulles:
Tranquilos, que son eu. Non teñades medo.
51E subiu á barca, onda eles. Acougou o vento, e todos quedaron abraiados de vez, 52porque non comprenderan o milagre do pan, ó teren aínda cerrado o entendemento.
Cura os enfermos de Xenesaret (Mt 14, 34-36)
53Cando atravesaron para a outra banda, chegaron a Xenesaret, e alí desembarcaron. 54A xente de contado o recoñecía. 55Percorrendo toda aquela comarca, levábanlle todos os enfermos en leitos; 56e en aldeas, vilas e cidades, cando oían que andaba por alí, pousaban os enfermos nas rúas, rogándolle que lles deixase tocar tan sequera a orla do seu manto. E cantos o tocaban, curaban.
Currently Selected:
Marcos 6: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT