Marcos 2
2
Curación dun paralítico (Mt 9, 1-8; Lc 5, 17-26)
1De alí a uns días entrou de novo en Cafarnaún, e sóubose que estaba na casa; 2tantos se xuntaron que nin diante da porta había xa sitio. El expoñíalles a Palabra. 3Entón, entre catro, trouxeron un home tolleito. 4Pero, non podendo chegar ó pé del, pola moita xente que había, levantaron o teito onde el estaba, e abriron un furado ata poderen meter o leito co enfermo, e descolgalo. 5Xesús, vendo a fe que tiñan, díxolle ó tolleito:
Meu fillo, quédanche perdoados os teus pecados.
6Pero alí sentados estaban algúns letrados, que matinaban para os seus adentros:
7"Pero, que está a dicir este home? Está blasfemando. Quen pode perdoar os pecados, senón unicamente Deus?"
8Xesús, decatándose axiña do que estaban cavilando, díxolles:
Por que razoades así nos vosos adentros? 9Que é máis fácil: dicirlle a este tolleito: "quedan perdoados os teus pecados", ou dicirlle: "érguete, colle a padiola e vaite?" 10Pois para que vexades que o Fillo do Home ten poder para perdoar os pecados 11dille ó tolleito, colle a padiola, e vaite á túa casa.
12E así foi: no instante, ergueuse, colleu o leito, e foise diante de todos; de tal modo que todos ficaron pasmados, e daban gloria a Deus dicindo:
Nunca tal cousa vimos.
Vocación de Mateu (Mt 9, 9-13; Lc 5, 27-32)
13Volveu saír para a beira do mar, e a xente toda seguía acudindo. E el ensinábaos. 14Ó pasar, viu a Leví, o de Alfeo, sentado no mostrador a cobrar a contribución, e dille:
Sígueme.
El ergueuse, e seguiuno.
15Aconteceu que estando Xesús á mesa de Leví, acompañado dos seus discípulos e mais outros recadadores de impostos e pecadores pois eran moitos os que o seguían, 16os letrados e fariseos, véndoo comer con eles, dixéronlles ós discípulos:
Como é que come cos recadadores e pecadores?
17Xesús sentiunos, e contestoulles:
Non son os sans, senón os enfermos, os que precisan médico. Eu non vin chamar polos xustos, senón polos pecadores.
Discusión polo xaxún (Mt 9, 14-17; Lc 5, 33-39)
18Un día no que os discípulos de Xoán e mais os fariseos gardaban o xaxún, viñéronlle preguntar:
Como é que mentres os discípulos de Xoán e mais os dos fariseos gardan o xaxún, os teus non o gardan?
19Xesús contestoulles:
Pero, logo, poden os convidados á voda xaxuar mentres dura a voda? Mentres teñan consigo o esposo non poden xaxuar. 20Xa virá o día no que lles leven o esposo, e daquela si que xaxuarán.
21Ninguén lle bota un remendo de pano novo a un vestido vello, porque o novo tiraría polo vello e a rachadura faríase máis grande. 22Tampouco ninguén bota viño novo en pelellos vellos, porque o viño rebentaría os pelellos, e perderíanse pelellos e viño. Xa sabedes: a viño novo, pelellos novos.
Xesús defende os seus discípulos (Mt 12, 1-8; Lc 6, 1-5)
23Un sábado cadrou que pasaron por uns terreos sementados; os seus discípulos, mentres ían de camiño, empezaron a arrincar espigas. 24Entón dixéronlle os fariseos:
Mira para aí, por que fan o que non lles está permitido facer nun sábado?
25El respondeulles:
Seica non sabedes o que fixo David, cando el e mais os seus acompañantes se viron apurados e con fame? 26No tempo do Sumo Sacerdote Abiatar entrou na casa de Deus e comeu o pan ofrecido pan que só podían comer os sacerdotes e repartiu incluso cos seus compañeiros.
27E concluíu:
O sábado fíxose para o servizo do home, e non o home para o servizo do sábado. 28Así que o Fillo do Home é Señor incluso do sábado.
Currently Selected:
Marcos 2: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT