Marcos 1
1
INTRODUCIÓN
Predicación de Xoán Bautista (Mt 3, 1-12; Lc 3, 1-18)
1Comezo do Evanxeo de Xesús Cristo, Fillo de Deus.
2Como está escrito no profeta Isaías:
Mira: mándoche por diante un mensaxeiro,
para que prepare o teu camiño.
3Unha voz clama no deserto:
preparade o camiño do Señor,
endereitade os seus vieiros.
4Presentouse Xoán no deserto bautizando: pregoando un bautismo de conversión, para lograr o perdón dos pecados. 5E ía onda el xente de toda a provincia de Xudea e de Xerusalén; confesaban os seus pecados e el bautizábaos no río Xordán.
6Xoán ía vestido con pelos de camelo e cun cinguideiro de coiro arredor do van, e mantíñase de saltóns e mel bravo. 7E proclamaba:
Detrás miña está a chegar o que é máis forte ca min, ante quen non son digno de prostrarme para lle desatar os amallós do seu calzado. 8Eu bautizo con auga, pero el havos bautizar con Espírito Santo.
Bautismo de Xesús (Mt 3, 13-17; Lc 3, 21-22)
9E aconteceu por aqueles días que chegou Xesús desde Nazaret de Galilea, e Xoán bautizouno no Xordán. 10E de seguida, mentres saía da auga, viu abrirse o ceo e baixar sobre el, coma unha pomba, o Espírito Santo. 11E unha voz deixouse oír desde o ceo:
Ti es o meu fillo benquerido, o meu predilecto.
As tentacións (Mt 4, 1-11; Lc 4, 1-13)
12Axiña o encamiñou o Espírito ó deserto. 13Alí permaneceu corenta días, alí o tentou Satán; vivía entre as feras, e servíano os anxos.
PREDICACIÓN EN GALILEA
A Boa Nova (Mt 4, 12-17; Lc 4, 14-15)
14Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anunciar a Boa Nova de Deus, 15dicindo:
O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos, e crede na Boa Nova.
Os primeiros discípulos (Mt 4, 18-22; Lc 5, 1-11)
16Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a Simón e mais a Andrés, seu irmán, largando o aparello no mar: eran pescadores. 17Díxolles Xesús:
Vide comigo, e fareivos pescadores de homes.
18E deixando de contado o aparello, seguírono. 19Un pouco máis adiante viu a Santiago, fillo de Zebedeo e mais a Xoán, seu irmán; estaban arranxando o aparello na barca. E de seguida os chamou. 20Eles, deixando a seu pai, Zebedeo, e mais os seus tripulantes na barca, seguírono.
Curación na sinagoga (Lc 4, 31-37)
21Viñeron a Cafarnaún, e, ó chegar o sábado, púxose a ensinar na sinagoga.
22Todos estaban abraiados da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados. 23E cadrou que había naquela sinagoga un home posuído por un mal espírito, e púxose a berrar:
24Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaret? Seica viñeches para acabar connosco? Ben sei quen es ti: ti es o Santo de Deus.
25Xesús mandoulle:
Cala, e bótate fóra dese home.
26O espírito malo sacudiuno, pegou un berro moi alto e saíu del. 27Todos ficaron pasmados, e discutían entre si, dicindo:
Que é isto? Unha nova doutrina, e con autoridade; enriba, dálles ordes ós espíritos malos, e eles obedéceno.
28E a súa sona espallouse de contado por toda a rexión de Galilea.
Curación da sogra de Pedro e doutros enfermos (Mt 8, 14-17; Lc 4, 38-44)
29Despois de saír da sinagoga, foi á casa de Simón e mais de Andrés, con Santiago e Xoán. 30A sogra de Simón estaba na cama con febre, e axiña lle falaron dela. 31E, achegándose, colleuna pola man e ergueuna; desapareceulle a febre e púxose a servilos.
32Chegada a tardiña, xa de sol posto, leváronlle todos os enfermos e endemoñados; 33A vila enteira se amoreou na porta. 34E sandou a moitos enfermos de varias doenzas e botou moitos demoños. Pero ós demoños non os deixaba falar, porque o coñecían ben.
35Erguéndose moi cedo, aínda de noite, saíu para un lugar arredado, onde se puxo a orar. 36Simón e mais os seus compañeiros fórono seguindo, 37e cando o atoparon, dixéronlle:
Todos te andan a buscar.
38El respondeu:
Vaiamos a outro sitio, ás aldeas veciñas, para predicarmos tamén alí, que para isto vin.
39E foi predicando polas sinagogas de Galilea, botando fóra os demos.
Curación dun gafo (Mt 8, 2-4; Lc 5, 12-16)
40Acercóuselles un gafo, e rogoulle de xeonllos:
Ti, se queres, pódesme limpar.
41Xesús, estremecido, alongou a man, e tocouno, dicindo:
Pois quero, queda limpo.
42E no instante desapareceulle a lepra, quedando limpo. 43E despediuno, e, poñéndose moi serio, mandoulle:
44Mira, non lle vaias dicir nada a ninguén; preséntate ó sacerdote, e fai pola túa purificación as ofrendas mandadas por Moisés, para que lles conste.
45Pero, mal se foi, aquel home botouse a pregoar a nova, espallándoa de tal xeito que Xesús xa non podía entrar en vila ningunha, senón que quedaba fóra, nos arredores apartados. Pero aínda así acudían a el de todas as partes.
Currently Selected:
Marcos 1: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT