Marcos 11
11
XESÚS EN XERUSALÉN
Entrada triunfal en Xerusalén (Mt 21, 1-11; Lc 19, 29-40; Xn 12, 12-19)
1E cando se aproximaban a Xerusalén, cerca de Betfagué e de Betania, ó pé do Monte das Oliveiras, mandou a dous discípulos 2dicíndolles:
Ide á aldea que tendes aí por fronte, e ó que entredes, ides atopar atado un burro que ninguén montou aínda; soltádeo e traédeo. 3Se alguén vos pregunta por que o facedes, dicídelle: "Precísao o Señor, pero de seguida o mandará de volta".
4Foron alá, atoparon o burro atado a un portal e desatárono. 5Algúns dos que andaban por alí, preguntáronlles:
Que facedes aí desatando o burriño?
6Eles contestáronlle tal como Xesús lles mandara. 7E leváronlle o burro a Xesús, que montou nel así que o cubriron cos seus mantos. 8Moitos estendían tamén os seus mantos no camiño, para que lle servisen de alfombras; e outros, ramallos cortados nas chousas. 9E tanto os que ían diante coma os de detrás, exclamaban:
Hosanna! Bendito o que vén no nome do Señor! 10Bendito o reino do noso pai David que chega! Hosanna no ceo!
11Entrou en Xerusalén e foi ó templo. E despois de dar unha volta por alí, como xa ía sendo tarde, saíu cos Doce para Betania.
Maldición da figueira (Mt 21, 18-19)
12O outro día despois de saír de Betania, sentiu fame. 13Vendo de lonxe unha figueira cuberta de follas, achegouse por se acaso atopaba algo; pero non atopou nada fóra de follas, por non ser tempo de figos. 14Entón dixo:
Nunca máis ninguén coma os teus froitos.
E os discípulos escoitárono.
Bota os tendeiros do templo (Mt 21, 12-17; Lc 19, 45-48; Xn 2, 13-22)
15Chegaron a Xerusalén, e, entrando no templo, empezou a botar de alí os tendeiros e compradores, derrubando as mesas dos cambiadores e os postos dos vendedores de pombas. 16E non permitía que ninguén pasase polo templo carrexando cousas. 17E púxose a ensinar, dicindo:
Non está escrito: a miña casa será a casa de oración para todos os pobos? Pois vós convertéstela en cova de bandidos.
18O que o souberon, os sumos sacerdotes e mais os letrados, buscaban o xeito de acabar con el, pois tíñanlle moito medo, porque todo o mundo estaba admirado de canto ensinaba. 19E á tardiña saíu da cidade.
Outra vez a figueira (Mt 21, 20-22)
20O pasaren pola mañá cedo, viron a figueira seca desde a raíz. 21Pedro acordouse e díxolle a Xesús:
Mestre, mira para aí: a figueira que maldiciches, está seca.
22Xesús respondeu:
Tede fe en Deus. 23Pois asegúrovos que se alguén lle di a este monte: "arríncate de aí e bótate no mar" sen dubidar no seu corazón, senón crendo que se cumprirá o que di, así se fará. 24Por iso dígovos: canto pidades na oración, crede que o conseguiredes, e darásevos. 25-26E cando esteades de pé facendo oración, perdoade, se algo tedes contra outros; para que tamén vos perdoe as vosas culpas o voso Pai que está no ceo.
A autoridade de Xesús (Mt 21, 23-27; Lc 20, 1-8)
27Chegaron de novo a Xerusalén, e mentres andaba polo templo, foron onda el os sumos sacerdotes, letrados e senadores, 28e preguntáronlle:
Con que autoridade fas esas cousas? Quen che deu tal autoridade?
29Xesús respondeulles:
Vouvos facer unha pregunta nada máis, respondédema e logo dígovos eu con que autoridade fago estas cousas. 30O bautismo de Xoán, era cousa de Deus ou dos homes? Veña, ide respondendo.
31Eles razoaban entre si, dicindo: "Se respondemos de Deus, vainos preguntar: e daquela por que non crestes no que dicía? 32Se respondemos entón: dos homes?" (Pero tiñan que andar con moito tino co pobo, que consideraba profeta a Xoán).
33E contestáronlle a Xesús:
Non sabemos.
Xesús replicou:
Pois eu tampouco non vos vou dicir con que autoridade fago estas cousas.
Currently Selected:
Marcos 11: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT